DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade de Vigo de xadrez alcanza o liderado cunha vitoria no derbi con Santiago

A atleta Marta Consuegra logrou un segundo posto en Guitiriz

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 03/03/2008
O Universidade de Vigo de xadrez non defraudou esta fin de semana e, un ano máis, conseguiu a vitoria fronte o Universidade de Santiago que, tras esta derrota, queda lonxe dos primeiros postos e con escasas opcións de loitar polo título. Con esta vitoria o equipo vigués alcanza ao líder nunha moi apertada clasificación xeral na que os catro primeiros se atopan nunha escasa marxe dun punto.
Nesta ocasión o capitán deulle unha nova oportunidade a Pablo González, outra das promesas que, xunto con Miguel Senlle, se incorporou ao primeiro equipo nesta tempada. Cun marcador final de 3.5 a 2.5, hai que destacar a participación de Manuel Pena, Roberto Paramos e Pablo González, que non deron opción algunha aos seus rivais.
O infortunio chegou nas partidas do capitán, que tivo que asinar o empate despois dun erro nunha posición moi característica do seu estilo, e na partida de Miguel Senlle que caeu ante Pablo García nun encontro que durou máis de cinco horas. A outra derrota foi de Avelino Leirós, fronte a Tomás Corona que, neste caso, foi moi superior.
O vindeiro sábado o Universidade medirase co seu rival directo, o Padrón A, que nestes intres ocupa o primeiro posto na clasificación.
O equipo escolar perdeu esta semana o liderado, pese á súa clara vitoria por 1 a 3 fronte a “Chigorín Cangas” e é que o “Breogán” impúxose por 4 a 0 ao seu rival, pasando de estar a medio punto do equipo universitario, a estar con medio de vantaxe.
Nesta ocasión descansaron Xosé Luís Cebrián e Marina Aguirre e xogaron Daniel Vila, Brais Otero, Samuel Villar e Rubén Alonso. Brais e Samuel conseguiron a vitoria e Daniel e Rubén quedaron en empate. A vindeira semana reciben o “Fisher B”, un rival a priori accesible e co que poderían recuperar a cabeceira.

Marta Consuegra, segundo posto no Duatlon de Guitiriz

Marta Consuegra, do equipo de triatlón da Universidade de Vigo, realizou esta fin de semana unha brillante actuación no II Duatlón Concello de Guitiriz, alcanzando un segundo posto absoluto, por detrás da actual campioa galega Margarita Pérez Bardanca.
O equipo feminino do Universidade completouse con Sandra Santodomingo e Jessica Pacífico, que axudaron na consecución dun terceiro posto na clasificación por equipos.
Na saída masculina participaron preto de 150 duatletas. Entre os participantes da Universidade destacou a actuación de Luis Piña, que acadou o posto número 15 nunha carreira na que participaron duatletas da categoría de Jesús Gomar, Emilio Montilla ou Borja Gabriel Conde. Na clasificación por equipos logrouse un sexto posto, a tan só tres segundos da quinta praza.
A vindeira cita será o sábado 8 de marzo en Santiago de Compostela, onde se disputará a cuarta e penúltima proba puntuable do Circuíto Galego de Duatlón de Estrada.

Sorte dispar para os equipos de rugby

No último partido da tempada o equipo de rugby caeu en Madrid contra o Cisneros por 27-19. Con 14-12 a favor dos locais no descanso, non foi ata os últimos minutos cando se decidiu o partido, algo xa habitual este ano nas derrotas dos vigueses. De todas maneiras, o equipo vigués valorou o encontro como “un bo partido, pois hai que ter en conta que chegamos ao final da liga moi xustos de efectivos tras todas as lesións que tivemos”.
Nos demais partidos de equipos do club, o equipo B vencía en Ferrol ao Fendetestas; o equipo cadete ganaba en Vigo ao CRAT de A Coruña; o equipo infantil perdía en Vigo co CRAT e o equipo feminino vencía en Vigo ao Mareantes de Pontevedra na tarde do domingo.