DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Agardan non ter que renunciar á categoría por problemas económicos

O Universidade de Vigo Xadrez busca patrocinador para manterse na elite nacional

O capitán do equipo, Pablo García, destaca que o equipo conforma o groso da Selección Galega Absolut

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jessica Fdez. DUVI 14/09/2012
A crise económica afecta a todos os eidos da sociedade, e tamén ao deporte. Tras un ano cheo de vitorias que lle permitiron manterse na Primeira División nacional, o Universidade de Vigo Xadrez teme pola súa continuación no máis alto deste deporte ante a falta dun patrocinador que sustente economicamente ao equipo. Como indica o capitán, Pablo García, “manter este estatus require dunhas exixencias económicas que fan necesaria a entrada de recursos externos de institucións públicas ou privadas pero, a cambio, achegamos un selo de calidade distinguida que pode interesar a empresas que invisten en imaxe”.

Pese ás dificultades económicas polas que pasa o equipo, “tiramos de sacrificio, capacidade de superación e paixón polo xadrez para seguir adiante e ese seguirá sendo o noso lema”, indica García. Nesta tempada, o equipo logrou manterse na Primeira División nacional, rematando sétimo posto do Campionato de España celebrado en Badaxoz entre o 30 de xullo e o 5 de agosto. Para o capitán, o mérito é dobre xa que a falta de financiamento fixo que non competisen coas mesmas condicións que o resto dos participantes, pero foron “a dedicación e a máxima compenetración entre os xogadores as culpables de escribir con letras douradas o nome da Universidade de Vigo na historia do xadrez galego”.

Por todo isto, o equipo mobilízase na procura dun patrocinador, público ou privado, que facilite, en termos económicos, a súa continuación no máis alto porque “falamos dun equipo cos mellores xogadores, somos o corpo principal da Selección Galega Absoluta e aferrámonos ao éxito para apoiar un deporte que está crecendo en toda Europa”, puntualiza García.

A unión fai a forza

Co inicio da Liga Galega á volta da esquina, os xogadores e xogadoras loitarán por manter o título de campións que acadaron tras dezanove anos de dominio do club Kasparov-Marcote. Pese a que son conscientes de que a falta de patrocinador supón unha desvantaxe en relación aos outros equipos xa que non dispoñen dos mesmos medios para o adestramento, o mantemento de suplentes ou o acceso aos últimos avances técnicos, “o plantel sae a por todas, meténdonos de cheo nas competicións e pensando en todo momento en manternos na elite deste deporte”, conclúe García.