DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tempada arranca o vindeiro 8 de xaneiro cunha clara aposta pola canteira

O 'Universidade de Vigo de Xadrez' comeza os partidos coa vista posta no liderado da Liga Galega

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 21/12/2010
O vindeiro sábado 8 de xaneiro o Universidade de Vigo de Xadrez desputará o primeiro partido da tempada, na que o obxectivo primordial é situar ao equipo da División de Honra no primeiro posto da Liga Galega, xa que no curso pasado quedouse ás portas do liderado ao ser subcampión galego por detrás do seu principal competidor, o Marcote A.

Paralelamente, outro dos propósitos para o novo curso é revalidar a primeira posición acadada na Copa Galicia, que se creou o pasado ano e na que o conxunto da Universidade logrou subir ao máis alto do podio.

Segundo apunta o coordinador da sección de xadrez, Pablo García, “nesta nova tempada destaca a aposta pola canteira, pois moitos dos xogadores do conxunto de Primeira División, que están na área de formación de novas promesas da Universidade, van ter por primeira vez maiores oportunidades de tomar parte en encontros da División de Honra”. Este é o caso de Samuel Villar, actual Campión Xuvenil Galego sub 16, Miguel Senlle e Daniel Vila, todos eles promesas do xadrez da nosa comunidade.

Escola deportiva de xadrez

A sección de xadrez da Universidade, que conta con 48 xogadores entre os dous equipos federados, centra boa parte dos seus esforzos na formación de novos talentos a través das escolas deportivas que organiza cada ano. No presente curso abriuse un curso de iniciación, que xa conta con 30 inscritos, co que se pretende introducir ao estudantado na práctica desta modalidade.

Os estudos abranguen, ademais de clases teóricas, unha importante carga lectiva centrada na práctica para adquirir destreza e velocidade mental. Deste xeito, a totalidade do alumando terá a oportunidade de participar no torneo Intercentros, no que se enfrontarán a axedrecistas dos dous equipos do campus de Ourense, así como no Campionato Galego Universitario.

Ademais, a escola de xadrez é unha das actividades coas que o estudantado pode obter créditos ECTS, o cal supón un incentivo máis para apuntarse á práctica deste deporte.