DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes preséntase a carreira 10 Km Cidade Universitaria

O Universidade de Vigo de xadrez consolídase como líder da División de Honra

Nunha xornada na que descansou o Ednon, o equipo B de rugby acadou unha importante vitoria

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 15/03/2010

Cun marcador final de 5.5 fronte a 0.5 a favor do equipo vigués o Universidade de Vigo de xadrez consolidouse esta fin de semana con 37 puntos como líder na División de Honra.
Nunha clara aposta do capitán pola canteira catro dos xogadores formados no equipo filial tiveron a súa oportunidade nesta rolda fronte ao Círculo de Xadrez de Narón, que precisaba unha vitoria para manter as súas opcións de permanecer na División de Honra. Pablo González, Miguel Senlle, Rafael Rodríguez, Manuel Pena e máis o capitán acadaron as vitorias que, xunto co empate de Daniel Vila, deixaban o marcador final nun contundente 5.5 a 0.5.
Con esta vitoria o Universidade de Vigo aumenta a súa vantaxe fronte ao segundo clasificado, o Marcote A, ao que lle saca unha vantaxe de cinco puntos que non lle serán doados de recuperar a falla de tan só tres xornadas para o remate da fase regular.
O seguinte rival do Universidade de Vigo será o Santa María de Caranza A, un equipo ferrolán inmerso na loita por eludir o descenso e que tentará poñer en dificultades ao líder. Con esta viaxe a Ferrol rematan as saídas, pechando a liga como equipo local fronte ao Alexandre Bóveda da Coruña e ao Karpov pontevedrés.
Doutra banda, o equipo escolar mantense tamén no primeiro posto da xeral cunha vantaxe de 3 puntos sobre o segundo clasificado. Philip Adams e Brais Otero anotaron o punto para a Universidade, mentres que Ricardo Baldwin e Samuel Villar foron derrotados. O próximo encontro disputarano en Vigo fronte ao Club Xadrez Bueu A.

Importante vitoria para o equipo B de rugby

En rugby nunha fin de semana na que o Ednon descansou, o conxunto B conseguiu unha boa vitoria ante Muralla como visitante por 25 a 3. Desde o primeiro minuto de xogo os vigueses buscaron ser os protagonistas do partido e conseguiron adiantarse no marcador cando apenas ían tres minutos de xogo.
Con este encontro, que dende o club cualificaron como moi bo, o equipo colócase no cuarto posto da táboa a falta dun único partido no que recibirán en Vigo ao Crat.

10 Km Cidade Universitaria

Cambiando de rumbo cara o atletismo, dende o Servizo de Deportes lembran que este mércores péchase a inscrición para a cuarta edición da carreira 10 km Cidade Universitaria que se disputará o vindeiro domingo día 21.
Os participantes deberán completar un circuíto de tres voltas que transcorre entre os viais interiores do campus e o acceso á cidade deportiva do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo. Este percorrido é accesible a todos os participantes, expertos ou non, posto que, segundo apuntan dende a organización, se trata dun circuíto doado que non entraña dificultades, xa que non ten moitos desniveis e se desenvolve nas inmediacións do campus.
Mª Carmen Cabeza, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes; Xabier Alonso, concelleiro de Deportes; Juan Manuel Vieites, secretario xeral de Anfaco e Eleuterio García, delegado da Federeción Galega de Atletismo en Vigo presentarán esta actividade este martes no Edificio Miralles.