DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade de Vigo-Xadrez Galego, campión da Segunda División Galega

O equipo da División de Honra segue a preparar a final a catro da vindeira fin de semana

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 21/04/2008

Os rapaces do Universidade de Vigo-Xadrez Galego acadaron esta fin de semana matematicamente o título de Campións da Segunda División Galega. Co ascenso á primeira división na man dende a pasada semana, esta fin de semana o equipo escolar enfrontouse ao EXP B, ao que se impuxo por 3 a 1, asegurándose o título da liga regular.
As vitorias foron de Xosé Luís Cebrián, Rubén Alonso e Marina Aguirre e nota negativa púxoa Samuel Villar que se viu sorprendido pola solidez e o bo xogo de seu adversario. No seu ascenso á Primeira División, o Universidade de Vigo-Xadrez Galego estará acompañado polo Breogán A, que xa confirmou matematicamente o seu segundo posto.
O vindeiro sábado desputarase a derradeira xornada da competición ligueira na que os vigueses se medirán ao Albariño A en Cambados nun encontro que será un trámite, xa que o equipo ten acadados todos os obxectivos desta tempada.

O equipo universitario continúa preparando a Final a catro do sábado

Coincidindo co última xornada da liga de xadrez de Segunda División, o Universidade de Vigo de Xadrez comezará o sábado a desputa da Final a catro, na que se medirán os primeiros clasificados da División de Honra. O equipo universitario, campión da fase regular xogará como local, polo que o encontro terá lugar na Aula de Xadrez do Servizo de Deportes con acceso libre e de balde para o público a partir das 17.00 horas . Neste primeiro encontro mediranse ao Padrón A para acadar unha praza na final, que xogarían no caso de clasificarse ante o gañador da outra semifinal entre o Marcote A e o Círculo Ferrolán de Xadrez.
Xunto cos universitarios, o Marcote A perfílase como o outro favorito para pasar á final, xa que foron durante 15 anos os grandes dominadores do xadrez galego. Pero esa traxectoria rompeuna o Universidade de Vigo esta tempada proclamándose Campión da División de Honra. Esta clasificación como primeiro da fase regular conleva outras vantaxes para os universitarios, xa que, ademais de xogar como locais, parten coa vantaxe de que o empate 3 a 3 favorece ao equipo mellor clasificado na xeral.
De cara a esta Final a catro, o capitán dos universitarios, Pablo García, aínda non deu a coñecer o equipo que presentará, pero semella que non variará moito de que xogou na derradeira xornada da fase regular.
Ao longo desta semana, ademais da preparación para as semifinais, os universitarios
serán recibidos no Concello de Vigo este martes e na Deputación de Pontevedra o venres, onde o presidente da institución Rafael Louzán, xogará unha partida on-line con Arxentina asesorado polo Campión Galego Absoluto e capitán do equipo, Pablo García.