DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade de Vigo de xadrez imponse na semifinal do torneo a catro e xogará a gran final ante o Marcote

O equipo escolar remata a liga cunha nova vitoria

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 28/04/2008

Por primeira vez o equipo de xadrez da Universidade está clasificado para xogar a Final a catro, onde se miden os dous equipos que se impuxeron nas semifinais que enfrontaron aos catro primeiros clasificados da División de Honra. Será o 10 de maio en Monforte de Lemos contra o Marcote A, o outro clasificado.
O pase á final prodúcese tras un disputado encontro fronte ao Padrón A, xa que ata o último instante foron os pementeiros os que tiveron as mellores opcións. Tras varias horas de xogo, os universitarios, pese a contar con vantaxe en varias mesas, non pasaban do empate a 2,5 e, a falla dunha soa partida e apremados polo de tempo, todo se decidiu nun suspiro no que o xogador de Padrón tivo unha xogada definitiva, pero agoniado polo reloxo, escolleu outra que lle supuxo a derrota.
Non erraron os titulados do Universidade de Vigo, e así o Mestre Manuel Pena e os Mestres Internacionais Rafael Rodríguez e Roberto Paramos sumaron tres importantes vitorias que, xunto co empate do capitán, darían o histórico resultado que clasifica por vez primeira ó equipo da Universidade de Vigo para a disputa desta final.
A outra semifinal enfrontárona o Marcote A fronte un Círculo Ferrolán de Xadrez que sufriu unha forte derrota, 5,5 a 0,5, un resultado que amosa claramente o potencial do próximo contrincante dos universitarios.
O Universidade de Vigo tentará facer a heroica, derrotando a un equipo no que previsiblemente xogarán catro Grandes Mestres estranxeiros xunto con Iván Salgado, que é o recentemente primeiro Gran Mestre de Galicia e podería xogar o segundo galego do equipo, Jacobo Caselas que é Mestre Internacional. Ademais, segundo apuntan dende o equipo, as previsión son que un ano máis, a Federación Galega e o Consello Superior de Deportes farán coincidir esta Final co Campionato de España Universitario, polo que varios dos xogadores do Universidade de Vigo poderían perderse esta final.

O equipo escolar ratifícase como campión da segunda división

O Universidade de Vigo – Xadrez Galego despide a tempada cunha nova vitoria, a décimo segunda de trece encontros disputados, ante o Albariño de Cambados.
A vitoria foi por 1 a 3 para Daniel Vila, Brais Otero, Samuel Villar e Xosé Luís Cebrián que se despiden da categoría á espera do seu debut na Primeira División Galega, a próxima tempada.

Campionato de España de Autonomías

O capitán do Universidade de Vigo, o Mestre Internacional Pablo García, actual Campión Galego Absoluto incorpórase hoxe á disciplina da Selección Galega Absoluta para a disputa do Campionato de España de Autonomías que se xogará en Melilla do 30 de abril ao 4 de maio.