DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gañou por un contundente 0-6 ao equipo de Arteixo

O Universidade de Vigo de xadrez, líder en solitario

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Noemí Rey DUVI 14/02/2012

Nova xornada, nova vitoria. O Universidade de Vigo de xadrez domina de xeito absoluto a Liga Galega máis apaixonante dos últimos anos. Os vigueses acudiron a Arteixo para medirse ao Pokeryajedrez.com e volveron a casa cun marcador que non deixa lugar á dúbida: un 0-6 que deixou ao equipo coruñés como pechacancelas do torneo e que afianza aos de Pablo García no primeiro posto da clasificación xeral cunha puntuación de 21,5. Unha vantaxe de tres puntos sobre o segundo clasificado que é vital nunha liga na que entre os postos de acceso á ‘Final a catro’ e os de descenso directo hai tan só catro puntos de diferenza.

Un tornado en Arteixo

O equipo vigués disputou a quinta xornada de Liga facendo a viaxe máis longa de toda a tempada, 170 quilómetros para pasar como un verdadeiro tornado sobre o equipo local. O resultado foi o fiel reflexo dun dominio absoluto do equipo vigués. O mellor xogador da xornada, o Mestre Internacional Diego Guerra, que ao mando das pezas negras despregou unha dura ofensiva imposible de deter para o seu opoñente, Javier Mazaira. Nesta ocasión, o capitán tamén optou por acudir con dúas caras novas, Alberto Estévez e Miguel Senlle, que sumaron as súas vitorias ás de Roberto Páramos, Rafael Rodríguez e o propio Pablo García.

Un éxito acadado grazas a “traballo, traballo e máis traballo”, como destacaba o capitán. “Todas as pezas da maquinaria teñen que funcionar á perfección para que se produzan resultados coma este. O equipo atópase nun gran estado de forma, froito da constancia nos seus adestramentos e apoiado na unión e complicidade existente entre todos os xogadores”, resaltou García.

O resto de resultados da xornada tamén axudan ao Universidade de Vigo a manterse como líder en solitario. O empate entre o Círculo Ferrolano A e o Algalia déixaos en segundo e terceiro lugar da clasificación, mentres que o Universidade de Santiago sube ao cuarto tras gañar ao Recatelo Campus Lugo e o Marcote ata o quinto tras gañar ao Alexandre Bóveda cun equipo mellor do que competía ata o de agora. Pola súa banda, o Xadrez Ourense gañou pola mínima a Padrón e o CXF Porto Vilagarcía acadou unha importante e sorprendente vitoria ante o Círculo das Artes.

Parón de Entroido

A Liga Galega para os seus motores ata o vindeiro 24 de febreiro polo tradicional parón de Entroido. E a volta será cun choque de trens: o campus vigués recibe ao segundo clasificado, o Círculo Ferrolano. O encontro será na sala de Xadrez do Servizo do Deportes da Universidade de Vigo a partir das 17 horas.