DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras vencer ao Círculo das Artes A na semifinal por 5-1

O Universidade de Vigo de xadrez loitará polo título de Club Campión de Galicia

O vindeiro 8 de maio enfrontarase ao principal rival, o Marcote A

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Sara Alcázar DUVI 26/04/2010
O Universidade de Vigo de xadrez saíu airoso do seu encontro de semifinais ante o Círculo das Artes A de Lugo, ao que derrotou cun marcador de 5 a 1. Esta vitoria concédelle ao equipo vigués obter o pase á final, que se disputará o vindeiro 8 de maio, na que loitará polo título de Club Campión de Galicia fronte ao Marcote A, vixente campión e cunha marca de 17 anos consecutivos sen derrotas.
O encontro de semifinais resultou cómodo para os integrantes do Universidade de Vigo, que amosaron as súas mellores estratexias nas súas xogadas. Daniel Rivera e Francisco Carrera foron os responsables de acadar as primeiras vitorias, seguidos dos puntos de Manuel Pena e Avelino Leirós, que decidiron o encontro a favor da Universidade. Finalmente, Roberto Páramos e o capitán Pablo García remataron en táboas as súas xogadas, conseguindo un contundente triunfo ante o rival.
Pola súa banda, o Marcote A clasificouse na final despois de disputar un encontro moi igualado co Círculo Ferrolá de Xadrez, ao que derrotou por só un punto de diferenza, con 3,5 ao seu favor.

Unha final complicada, pero con ilusión

A ilusión e o esforzo non abandonan ao xadrez Universidade de Vigo na súa loita polo título de Club Campión de Galicia, segundo apuntou o capitán do equipo, Pablo García, que afronta o encontro con esperanzas e bos ánimos. “Nesta tempada, o equipo acadou números máis espectaculares e vitorias con máis diferenza de puntuación” sinalou García, o que reflicte o traballo realizado polo Universidade de Vigo.
Os resultados que o equipo vigués foi acumulando durante a liga fixeron que as expectativas do seu capitán sexan positivas, argumentando que “sempre hai opcións”. A canteira do equipo rival é a principal dificultade á que se enfronta o equipo vigués, ao tratarse dun encontro que o capitán definiu como “bastante desigual”. “O Marcote A conta entre as súas filas con xogadores de elite mundial como Paco Vallejo, Inarkiev, Alexandre Graff e Iván Salgado, pero estamos mentalizados” puntualizou.
Deixando as complicacións de lado, Pablo García confía nas posibilidades do equipo da Universidade e sobre todo nos seus integrantes, tanto titulares como promesas, “que me transmiten unha confianza enorme e moita seguridade” afirmou o capitán, que salientou a complicidade existente entre os xogadores, “polo que todo o mundo se preocupa polo progreso do resto”. A falta de dúas semanas, o equipo vigués concéntrase na preparación da final,“un encontro para o que estamos mentalizados” apuntou o capitán.