DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As vitorias complétanse cunha prata no nacional Universitario e a clasificación para a final da Taça

O Universidade de Vigo de xadrez, mellor equipo da Liga galega

Mentres, o Blusens de rugby certificou a súa permanencia na División de Honra tras empatar en Barcel

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 22/04/2013

Rotundo éxito do Universidade de Vigo de xadrez esta fin de semana, na que se proclamou mellor equipo da fase regular da Liga Galega 2013, que o levará defender o título de campión galego por segundo ano consecutivo, e no que acadou unha prata no Campionato de España Universitario e unha praza para xogar a Final Four da Taça de Portugal, unha competición similar á Copa do Rei do país luso. Éxitos que levan o nome da Universidade de Vigo alén das fronteiras de Galicia e que comezou con un empate a 3 en Lugo ante o Círculo das Artes que ben soubo a vitoria.

Primeiro clasificado da División de Honra na fase regular a 1,5 puntos por diante do Xadrez Ourense e o Círculo Ferrolán A, os de Pablo García plantaron cara nun partido no que os lucenses ao final non puideron contar cos Grandes Maestros Polacos e na que os vigueses tiveron aos seus primeiros espadas de baixa. De aí a convocatoria de Brais Otero, do filial, que respondeu á chamada do capitán cunha vitoria, igual que Miguel Senlle, que mantivo o control da tensión e do tempo de partida para derrotar a un rival que foi moi inferior. Empate dos Mestres Internacionais, Diego Guerra e Pablo García, e derrota de Manuel Lorenzo e Rafael Rodríguez.

Coa liga rematada o seguinte paso será preparar a defensa do título de campións galegos na Final a Catro que comezará o vindeiro 4 de maio e que levará á Universidade de Vigo a enfrontarse ao equipo revelación da tempada, o CXF Viaxes Interrías Sanxenxo, que acada por primeira vez a clasificación para a final no seu segundo ano na máxima categoría.

Fin de semana de boas noticias

Obxectivo cumprido no Universidad de Vigo-Xadrez Galego. Tras comezar a tempada con seis derrotas consecutivas, o equipo filial conseguiu remontar unha situación que os abocaba ao descenso directo e acadar a permanencia tras catro partidas gañadas, a última por 3-1 ante o Xadrez Ourense B. Aos de Primeira División só lles valía a vitoria ante os ourensáns, un resultado que acadaron con moita tranquilidade e confianza que achegou o veterano Philip Adams, o líder da remontada.

As boas noticias chegan ao equipo vigués de xadrez tamén fóra da liga galega. O Mestre Internacional do Universidade de Vigo, Manuel Pena, sumou unha nova medalla ao seu palmarés deportivo ao acadar a prata no Campionato de España Universitario empatado no primeiro posto co Gran Mestre Iván Salgado, ouro polo coeficiente de desempate. Pola súa banda, Manuel Pena e Roberto Paramos acadaron a clasificación para a Final Four da Taça de Portugal, que se disputará o 27 e 28 de maio.

O Blusens, salvado a falta dunha xornada

Un empate a 11 ante o equipo máis en forma da División de Honra de rugby, o Santboiana Seat, consolida ao Blusens Universidade de Vigo na máxima categoría e afasta ás pantasmas do descenso a falta dunha xornada para rematar a fase regular. Unha permanencia por méritos propios que compensaba os sacrificios feitos polos de David Monreal nunha segunda volta con resultados históricos ante os primeiros clasificados da competición. Os vigueses enfrontarán o vindeiro partido en casa ante o Ordizia o vindeiro 28 de abril con maior tranquilidade.