DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade de Vigo de xadrez suma a súa quinta vitoria e lidera a clasificación xeral

Triunfo tamén para o equipo escolar e mala racha para as categorías feminina e xuvenil de rugby

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Sara Alcázar DUVI 08/02/2010

A quinta xornada da Liga Galega de Xadrez saldouse cun resultado moi positivo para o equipo da Universidade de Vigo, que sumou este sábado a quinta vitoria consecutiva no encontro disputado no campus ante o Algalia A. O marcador rematou cun 4 -2 debido á derrota do mestre internacional Diego Guerra, que foi compensada coas táboas de Rafael Rodríguez e Alberto Estévez e as vitorias de Francisco Carreira, Avelino Leirós e o capitán do equipo universitario, Pablo García, que se converteu no único xogador da liga que conta cun pleno de vitorias (cinco de cinco) nas súas partidas. Con este resultado, o Universidade de Vigo mantense á fronte da clasificación xeral con 24 puntos, seguido de preto polo seu principal rival, o Marcote A, a tan só 0.5 puntos de diferenza.
Despois do parón da Liga con motivo da disputa dos Campionatos Galegos Sub14 e Sub18, o equipo da Universidade retomará a competición o vindeiro 20 de febreiro, data na que terá lugar o encontro máis esperado da tempada xadrecista, no que o Universidade de Vigo de xadrez verase as caras co Marcote A. O resultado deste encontro pode resultar decisivo para a clasificación final da División de Honra Galega, posto que ambos equipos loitarán pola primeira praza.

O equipo escolar acada o segundo pleno consecutivo

O conxunto escolar tamén estivo de sorte no encontro disputado esta fin de semana ante o Infortui A, que ocupa o derradeiro posto na clasificación. Philip Adams, Brais Otero, Daniel Vila e Samuel Villar foron os responsables de acadar o segundo triunfo consecutivo para o Universidade de Vigo-Xadrez Galego cun resultado de 4 a 0, nun encontro no que non deron ningunha opción aos xogadores do equipo rival. Con esta vitoria, o conxunto de primeira división reafirma o seu liderado na clasificación con 16, 5 puntos. A vindeira xornada, o equipo universitario enfrontarase ao Alekhine-Correduría Tempu, que ostenta o décimo posto na clasificación.

Vitoria para o equipo B de rugby e mala racha para as categorías feminina e xuvenil

Non tiveron tanta sorte as categorías inferiores de rugby universitario nos seus encontros desta fin de semana, que se saldaron con derrotas para os vigueses, agás o equipo B, que acadou un bo resultado.
O equipo de Primeira Territorial Galega recibiu este domingo ao Ferrol RC, pechacancelas da clasificación, que foi derrotado polo conxunto vigués por 37 puntos fronte a 14. Este resultado permite ao equipo B seguir no quinto posto da clasificación, na que o Zalaeta se reafirma como líder. Pola súa banda, as categorías feminina e xuvenil non foron quen de facer fronte aos seus respectivos rivais. As xogadoras viguesas viaxaron ata o campo de Acea da Ma para enfrontarse ante o CRAT Universidade da Coruña, líder da clasificación, nun encontro que rematou cun contundente 56 a 0. Mentres, equipo xuvenil viuse as caras co CR Lalín Coreti, que acadou a vitoria por 16 puntos fronte a 7 dos vigueses. A falta de dúas xornadas para rematar a liga, o conxunto xuvenil ocupa o cuarto posto na clasificación e aínda ten que disputar os encontros ante o Ferrol RC, o actual líder e o CRAT Universidade da Coruña, que se atopa un posto por riba da Universidade.