DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con diferentes actividades do 10 ao 23 de novembro

A Universidade vólcase na celebración da Semana da Ciencia 2008

Os estudantes de ensino secundario serán os grandes protagonistas

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 31/10/2008

Exposicións, obradoiros, teatro, concursos... son algunhas das dez actividades que acollerá a Universidade entre o 10 e o 23 de novembro ao abeiro da Semana da Ciencia 2008, un evento de carácter europeo que se celebra anualmente para achegar a ciencia e a tecnoloxía á sociedade. O obxectivo é amosar á cidadanía, dun xeito ameno e accesible, como a ciencia e a tecnoloxía están presentes nas súas vidas cotiás, desde os elementos máis simples aos máis sofisticados. Trátase de incitar ao pensamento, provocar a curiosidade e divertir a un público o máis amplo posible.
Os estudantes de ensinanza secundaria serán os grandes protagonistas e a eles van dirixidas gran parte das diferentes actividades. Terán múltiples propostas nas diferentes facultades e escolas da Universidade e tamén nos seus propios centros. Miguel Ángel Correa e Roberto López Valcarce, Premio Galicia de Investigación na categoría de investigadores mozos, visitarán varios institutos da área de Vigo e contarán aos estudantes como é o seu traballo diario e as aplicacións que ten na vida cotiá.

Xornadas de portas abertas

En Vigo a ETSE de Minas realizará unha xornada de portas abertas dirixidas esencialmente aos estudantes de ensino medio e Bacharelato. Durante estas visitas os estudantes poderán observar de primeira man varios exemplos dos diferentes tipos de traballos que levan a cabo os enxeñeiros de minas, dende unha demostración activa de manexo simulado de explosivos ata a explicación de como é o proceso completo dunha botella de auga mineral de PET ou un tubo de pasta de dentes.
Os laboratorios de Física Aplicada abren tamén as súas portas nesta ocasión aos estudantes de segundo de Bacharelato que teñan especial interese pola ciencia e a tecnoloxía a coñecer os seus laboratorios nos que se traballa en aplicacións dos láseres. Os estudantes que fagan a visita percorrerán nunha hora as instalacións e coñecerán de xeito directo a dinámica de traballo dun grupo de investigación.
A través das xornadas As cores do mar de Toralla os estudantes dos centros de ensino da bisbarra de Vigo terán a oportunidade de coñecer non só a Estación das Ciencias Mariñas, ECIMAT, senón tamén todo o entorno de Toralla. Ademais, haberá diferentes exposicións e proxectarase a peza audiovisual “Baixo as ondas das rías”.

Obradoiros, exposicións e teatro

Os estudantes de ensino medio son tamén os protagonistas de Enxeño, un obradoiro no que grupos reducidos de tres ou catro estudantes de entre 12 e 14 anos constrúen e programan un robot coa axuda de profesores e monitores da ETSE de Telecomunicación.
Se nas enxeñarías constrúen robots, no campus de Pontevedra prepararon un obradoiro dirixido a incrementar o coñecemento dos rapaces no ámbito das ciencias da comunicación, facendo especial fincapé na aplicación da teoría a casos prácticos e no funcionamento dos medios de comunicación de carácter audiovisual, traballando con imaxe fixa e imaxe en movemento.
A Semana da Ciencia suporá para moitos mozos a posibilidade de realizar experimentos científicos e comprobar por eles mesmos que non é algo tan complicado como pode parecer e sirve para explicar dun xeito sinxelo moitos feitos cotiáns. Con este obxectivo a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte organizou a exposición “Xogando coa ciencia” con diferentes actividades manipulativas para que poidan practicar.
Seguindo na mesma liña de achegar as ciencias os máis novos vaise facer tamén teatro matemático en diferentes puntos de Galicia, amosando os aspectos máis curiosos e descoñecidos desta ciencia.

Concursos

A participación tamén se busca a través de concursos: Ciencia que conta e Deseña un animal artrópodo. O primeiro un concurso de relatos curtos relacionados coa ciencia e o segundo no que se valorará a capacidade de identificación morfolóxica das diferentes especies de artrópodos.