DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Proxectos audiovisuais, música, pintura e fotografía conforman as posibilidades de participación

A Universidade volve buscar talentos emerxentes cunha nova edición do Concurso de Creación Artística

O prazo de inscrición estará aberto ata o 22 de xuño

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 10/04/2012

Co fin de premiar o talento, a creatividade e o esforzo levado a cabo no seo da Universidade, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria pon en marcha unha nova edición do Concurso de Creación Artística no que se repartirán un total de 8.700 €. Fotografía, pintura, creación audiovisual e música volven conformar as disciplinas artísticas de participación que buscan estimular o enxeño como medio para desenvolver un pensamento crítico e sen barreiras. As propostas, que teñen que ser orixinais e non ter sido premiadas noutros certames, poderán presentarse ata o vindeiro 22 de xuño.

Creación Audiovisual e Fotografía

Na X edición do premio de Creación Audiovisual a temática será libre. As modalidades de participación van dende a curta narrativa ao documental, pasando polo vídeo experimental, a animación e o vídeo publicitario. Todos eles terán que presentarse en DVD de vídeo e ter unha duración máxima de 15 minutos. As pezas presentadas ao concurso serán valoradas por un xurado conformado tanto por membros da Universidade coma por profesionais do sector, que serán os encargados de seleccionar aos gañadores do premio, que suma 900 € en cada modalidade.

No caso do premio de Fotografía, as modalidades de participación son dúas: unha serie fotográfica composta de 3, 4 ou 5 fotografías, que opta a un premio de 900 € e a fotografía única, para a que se estipula un premio de 600 €. O tema e o tamaño da fotografía é libre, e pódese presentar tanto en cor coma en branco e negro, sendo o único requisito que estean montadas sobre cartón pluma.

Pintura e Maquetas de Música

Os aspirantes a ser premiados no X Certame de Pintura poderán utilizar a técnica que desexen e centrarse na temática que prefiran, sempre e cando o tamaño da obra non exceda os 150 cm. A obra mellor valorada polo xurado será premiada con 1.500 €.

No que se refire ao premio de maquetas de música, dotado nesta ocasión con 1.200 €, poderán presentarse aqueles solistas que sexan membros da Universidade ou aqueles grupos que teñan, como mínimo, a dous membros da institución entre os seus compoñentes. Quedan excluídos da participación aqueles que teñan editado algún traballo discográfico, agás que sexa autoeditado e non teña respaldo discográfico na actualidade.

Presentación das obras

Todas as obras presentadas teñen que ir acompañadas dun título que a identifique, así coma o nome do autor ou autores, fotocopia dos DNI e teléfonos de contacto, así como os documentos acreditativos da súa pertenza á comunidade universitaria.