DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os torneos internos disputáronse ao longo desta semana

A Universidade xa ten representantes para os campionatos de tenis de mesa e paddle

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Camino Carballeira DUVI 26/03/2009

A Universidade xa ten representantes para os campionatos universitarios de tenis de mesa e paddle. Na primeira modalidade, o cadro de honra de gañadores quedou conformado por Andrés Fagín e Victoria Cadilla na competición individual, e Miguel López e Juan Ferreiro como gañadores do dobres. No caso do paddle, o dúo formado por Miguel Sequeiros e Alberto Novoa acadaron a victoria no campionato interno ao vencer na final á parella formada por Víctor Sáez e Víctor García por dous sets a cero (6-3 e 6-2).
Oito parellas masculinas e unha feminina participaron no campionato que ao longo da semana se desenvolveu na instalacións do club PadelBao. No caso do tenis de mesa, trece alumnos da Universidade citáronse no pavillón universitario do campus para postularse como representantes no torneo universitario que se celebrará en Valladolid o 23 e 24 de abril. En calquera caso, a consolidación desta participación está nas mans do Servizo de Deportes. A vindeira semana reuniranse os técnicos para valorar se os gañadores dispoñen do nivel suficiente para facer un bo papel en Valladolid.

Máis tradición no tenis de mesa

O paddle é unha modalidade de recente inclusión nos torneos universitarios e o ano pasado a Universidade non estivo representada. Non así no caso do tenis de mesa, no que sempre houbo algún estudante que participou aínda que, segundo sinalou o responsable de Deportes do campus, Gustavo Loureiro, “o nivel é bastante alto e é moi difícil conseguir medallas”.