DUVI

Diario da Universidade de Vigo

670 estudantes dos tres campus participarán ao longo deste curso do programa de mobilidade

A Universidade xa tramitou o 80% do pago da bolsa de preto de 300 estudantes Erasmus

O pago do restante 20% realizarase nos pazos habituais

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 05/10/2012

Durante o primeiro ou o segundo cuadrimestre, ou ben ao longo de todo o curso 2012-2013, 670 estudantes dos tres campus da Universidade de Vigo participarán no programa Erasmus de mobilidade europea que lles permitirá cursar parte das súas titulacións nun país europeo. A día de hoxe a Universidade de Vigo xa dispón do orzamento programado para a tramitación destas axudas á mobilidade e tal e como establece o convenio financeiro asinado pola institución académica viguesa co Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos (OAPEE), a Universidade de Vigo xa recibiu o primeiro pago de prefinanciamento, correspondente ao 80% do importe total adxudicado. Respecto ao pago do 20% restante realizarase nos prazos habituais, trala recepción do informe intermedio que a institución académica remitirán no mes de abril de 2013.

“A Comisión Europea atópase nunha situación puntual de falta de liquidez para abonar o segundo tramo do financiamento correspondente ás accións descentralizadas do Programa de Aprendizaxe Permanente, que espera resolver ao longo do mes de novembro”, explica o vicerreitor de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernández que asegura con rotundidade que “en ningún caso corren perigo as bolsas Erasmus, nin para esta convocatoria, nin para a de 2013”. Co financiamento recibido, o 80% do importe total adxudicado, a Universidade xa tramitou o primeiro pago da bolsa a preto de 300 estudantes, mentres que outros 130 xa enviaron o documento de chegada para que se tramite un segundo de lote pagos, co que xa se tería abonado o que lles corresponde a metade dos bolseiros e bolseiras.
Ante as novas aparecidas nos últimos días que alertaban de que a Unión Europea podería carecer dos fondos precisos para financiar o programa Eramus, Manuel Fernández, sinala que “nos gustaría transmitir unha mensaxe de tranquilidade ao estudantado e as súas familias, xa que o pago das bolsas, unha vez que a Comisión resolva o problema, está garantido”.

O número de Erasmus segue medrando

No curso 2012-2013 o número de estudantes da Universidade de Vigo que participarán no programa Erasmus experimenta un lixeiro incremento en 36 alumnos respecto do curso anterior. Do total de 670 estudantes que neste 2012-2013 cursarán parte da súa titulación no estranxeiro, 453 son do campus de Vigo, 114 do de Ourense e 103 de Pontevedra, fronte aos 419 de Vigo, 110 de Ourense e 105 de Pontevedra do curso pasado.
En canto aos destinos máis solicitados polo estudantado da Universidade de Vigo, Italia volver situarse á cabeza con 132 alumnos, seguida de Alemaña con 94, Francia con 69 e Polonia con 66. Cómpre destacar que respecto a cursos anteriores as opcións de Francia e Polonia cobran protagonismo en detrimento de Portugal onde recalarán 63 estudantes.

Por titulacións, a Escola de Enxeñaría Industrial do campus de Vigo repite como centro da Universidade de Vigo que máis alumnos envía a Europa a través do programa Erasmus, superando os 130 estudantes. As Facultades de Filoloxía e Tradución e a de Ciencias Económicas e Empresariais, sitúanse por detrás da Escola de Enxeñaría Industrial no que se refire ao campus vigués. Mentres, no campus de Ourense, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo é o primeiro centro en número de Erasmus con 36, seguido de Ciencias da Educación con 27. No campus de Pontevedra a Facultade de Belas Artes envía 23 estudantes ao exterior, seguida de Ciencias da Educación e do Deporte con 21.