DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Agora agárdaos o Círculo Ferrolán na final a catro

O Universidade de xadrez remata a tempada como único club invicto

Un triunfo ante o Recatelo non foi suficiente e o equipo vigués rematou segundo

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 29/03/2011
Última xornada da fase regular da Liga Galega da xadrez. O Universidade de Vigo visitaba ao Recatelo Campus Lugo, un equipo dos que se xogaba a permanencia, e volveu cumprir o guión. O equipo vigués logrou o triunfo, 2-4, converténdose no único equipo da categoría que rematou invicto, pero tivo que conformarse co segundo posto da clasificación, debido ao 0-6 que o Marcote lle endosou ao Xadrez Ourense A. O avultado dos seus resultados permite, ao actual campión de España, rematar a tempada no primeiro posto, seguido do Universidade.

A súa aposta polo traballo coa canteira deixa aos capitaneados por Pablo García co sabor agridoce de non coñecer a derrota pero sen conseguir o liderado. No último encontro, Miguel Senlle volveu demostrar o seu bo facer e acadou un empate ante Adolfo Díaz. Avelino Leirós correu a mesma sorte e tamén tivo que conformarse con sumar medio punto ao marcador do conxunto vigués. Pola súa banda, Samuel Villar, perdeu ante Ángel Penalonga, pechando así un final de liga no que estivo “baixo de moral”. Mentres, Rafael Rodríguez, Diego Guerra e Pablo García, Mestres da Universidade, responderon unha vez máis ás expectativas e venceron nos seus respectivos taboleiros. De feito, García, cos seus 10,5 de 11 puntos posibles, foi considerado o “xogador máis valioso” da Liga Galega 2011.

Primeiro Vigo, despois Lugo

Agora a próxima meta é a final a catro, que comeza o vindeiro sábado día 2, ás 17.00 horas, coa semifinal que medirá ao Universidade co Círculo Ferrolán. Na tempada regular a vitoria foi para os vigueses, pero ninguén quere confianzas “fronte a un equipo ante o que non hai que baixar a garda”, asegura o capitán. A final disputarase o día 9 en Lugo, en apoio ao convenio aprobado pola Consellería de Educación e a Deputación provincial para a introdución do xadrez nos centros educativos.