DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade de xadrez é xa matematicamente Campión da Liga Galega

O Ednon de rugby despediuse da tempada cun empate que os deixa quintos na División de Honra B

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 12/04/2010

A falta dunha xornada para o remate da competición regular da Liga Galega de Xadrez, o Universidade de Vigo xa se sabe campión tras asinar esta fin de semana un dos mellores encontros da tempada. O 5.5-0.5 que reflectía o taboleiro final ante o Alexandre Bóveda permítelles aos universitarios ser xa matematicamente campións antes de xogar a vindeira semana ante o Karpov A, que se atopa actualmente no quinto posto da táboa.
O encontro comezou cos vigueses ao máximo nivel o que foi dando froitos cun empate da man de Manuel Pena e a vitoria do resto dos xogadores do equipo. Grazas a este resultado o Universidade de Vigo faise por terceiro ano consecutivo coa Liga Galega, que “ademais de ser un premio á regularidade do equipo, representa unha vitoria moral importante sobre o Marcote A, o equipo de máis alto orzamento de Galicia, un dos mellores equipos a nivel nacional e cunha nómina de Grandes Mestres Internacionais de altísimo nivel”, apuntaba o capitán.
O sábado e na casa os universitarios porán o peche definitivo á Liga ante o Karpov A, que loita pola cuarta praza e, no caso de acala, podería ser o rival do Universidade na semifinal da Final a Catro para obter o título de Campión Galego 2010.
Pola súa banda, o equipo escolar da Primeira División impúxose ao Celanova A por 1.5-2.5, un resultado que o sitúa empatado a punto no primeiro posto da táboa co Liceo Ourense. Precisamente os ourensáns serán os rivais do vindeiro sábado tamén na derradeira xornada da liga, polo que nel se decidirá o campión da Primeira División.

O Ednon Universidade de Vigo rematou a liga 5º

Para o Ednon Universidade de Vigo de rugby esta foi a derradeira xornada desta liga da División de Honra B que deixou aos vigueses no quinto posto da táboa. Ante o Barcelona Universitari os vigueses volveron a notar as baixas de Mauro González, Alberto Campos, Iker Arraztoa, Iván Conti e o capitán José María Fernández, aos que se sumaron Nicolás Martínez, Mauro Álvarez e Cristian Anido que non puideron rematar o encontro por lesión. Ademais o equipo viuse condicionado pola continuas expulsións en moitos casos, excesivamente rigorosas que o deixaron en inferioridade numérica en varias ocasións.
Con todo, os universitarios despregaron un xogo caracterizado pola concentración e a precisión en defensa polo que o empate deixou un sabor amargo tras ir por diante no marcador boa parte do encontro. Este resultado final 18-18 deixou ao Universidade en
quinta posición mentres que Barcelona Universitari quedou na terceira. O campión desta división de prata do rugby nacional foi o Hernani logo de superar ao Getxo 50 a 28, mentres que o Barcelona FC foi segundo ao derrotar ao Oviedo 53 a 21.
Polos ascensos á División de Honra Renfe, o primeiro clasificado do Grupo 2, Mercedes Benz E. Alcobendas, medirase ao FC Barcelona mentres que na outra eliminatoria, Hernani CRE e CAU Valencia loitarán pola segunda. Polo descenso, o penúltimo clasificado do grupo 2, UMA CR Málaga, enfrontarase ao Éibar Hierros Anetxe RT por evitar o descenso directo. O Durango Ilarduya RT, pasou directamente a xogar a promoción con equipos de Primeira Nacional. O Jaén RC renunciou a disputar a eliminatoria e baixou directamente a Primeira Nacional.