DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato e Jesús Vázquez asinaron este venres un protocolo de colaboración

Universidade e Xunta alíanse para facer realidade a folla de ruta do Campus da Auga

Entre as accións a curto prazo están a creación de titulacións específicas e a construción dunha sed

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 14/03/2014

2014 quere ser o ano no que o Campus da Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, despegue. Despois de dous anos traballando no seu deseño e articulación, chegou o momento de comezar o seu desenvolvemento. Para dar este salto, a Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia asinaron este venres un protocolo de colaboración para implementar o seu plan estratéxico na cidade das Burgas. A posta en marcha de novos graos e estudos de posgrao especializados nesta temática e a construción dun edificio destinado tanto á investigación neste eido como a ser sede do Campus da Auga, son algunhas das accións que darán corpo a curto prazo á primeira liña de especialización dun campus non central do Sistema Universitario de Galicia.

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, foron os encargados de asinar o protocolo nun acto que tivo lugar na Confederación Empresarial de Ourense e que contou coa asistencia de José Manuel Pérez, presidente da CEO; María Lameiras, vicerreitora do campus; dos responsables das facultades e escolas do campus; dos membros da comité executivo do proxecto; de Pedro Membiela, comisionado do Campus da Auga; de Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial, e de varios concelleiros, entre outras autoridades. “O Campus da Auga é xa un proxecto da Universidade de Vigo e do Goberno galego. Temos catro anos por diante para convertelo nunha realidade e acadar os nosos obxectivos”, destacou Salustiano Mato trala sinatura do protocolo. Trátase, explicou, dunha iniciativa que nace coa convicción de que “non nos temos que conformar con sobrevivir, hai que construír futuro”. Este proxecto de especialización, subliñou Jesús Vázquez, é pioneiro no conxunto do estado, “define un novo rumbo para Ourense” e converte ao seu campus “nun campus líder en temáticas da auga aproveitando o potencial termal de Ourense”.

Primeiras accións cara o exterior

O obxectivo do protocolo asinado este venres, que se irá desenvolvendo en diferentes convenios e acordos específicos, é establecer as bases de cooperación e colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Vigo para materializar o proxecto Campus da Auga a través do desenvolvemento do seu plan estratéxico, que foi financiado en 2012 con 247.000 euros pola propia consellería. Este plan define para a cidade e a provincia un campus especializado na auga desde un punto de vista multidisciplinar e integrador, que busca especialmente establecer sinerxías e liñas de actuación coa contorna empresarial, económica, social e cultural e coas administracións públicas, co obxectivo último de que o Campus da Auga teña un forte impacto no tecido socioeconómico da provincia de Ourense.

Para acadalo, o Campus da Auga conta cun plan de acción, tal e como recolle o protocolo asinado, que contempla a creación de clústers de I+D en diferentes temáticas e dunha Unidade de Investigación de Excelencia Universidade-Empresa-Administración; o establecemento dun Programa de Emprendemento e Creación de Empresas; a potenciación dun programa de mobilidade de estudantes de doutoramento e investigadores e a creación de infraestruturas científicas. Dentro deste plan de acción, o reitor salientou os pasos dados xa para articular a masa crítica de investigadores do campus de Ourense arredor dos clústers de I+D, masa que se irá ampliando con máis investigadores da Universidade de Vigo e de fóra con intereses afíns ou complementarios. "Os clústers serán as fábricas que xerarán ideas e proxectos para conseguir recursos", apuntou Salustiano Mato. Durante as súas intervencións, as autoridades presentes tamén fixeron fincapé na importancia de que, no marco do protocolo dado a coñecer este venres, a consellería participarán na creación de liñas estratéxicas do proxecto co fin de que sexan un elemento elixible nas convocatorias de axudas da propia consellería.

Durante a súa intervención, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amosou a súa confianza en que “a curto prazo a Universidade presente graos e mestrados adaptados e orientados a esta especialización”. Ademais, lembrou, a Xunta investirá en tres anualidades 4,5 millóns de euros na construción dunha nova infraestrutura destinada á investigación neste eido e a ser sede do Campus da Auga. Situado ao carón do Edificio Xuridico-Empresarial, Jesús Vazquez adiantou que o edificio terá tres plantas destinadas a estes usos e contará con 4000 metros cadrados construídos en total. Por último, entre os anuncios feitos este venres estivo que en abril se constituirá o comité de dirección do Campus da Auga, que será o seu órgano responsable, e que se creará unha unidade mixta entre o campus e a Confederación Empresarial de Ourense para elaborar un plan de emprendemento e empregabilidade.

Mentres estas iniciativas van dando os seus primeiros pasos, os responsables das dúas institucións destacaron que o proxecto de especialización para Ourense xa está a desenvolver accións cara o exterior, como a Semana da Auga, que do 17 ao 22 de marzo de 2014 reunirá en Ourense a axentes públicos e privados que traballan en todo tipo de áreas vinculadas con este recurso para coñecerse, para intercambiar información e para pór en marcha sinerxías de colaboración.