DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A conselleira Beatriz Mato asistiu á clausura das xornadas Promocionando a autonomía persoal

Universidade e Xunta apostan por unir forzas a prol da e-accesibilidade

Destacaron as aplicacións das TIC para a autonomía das persoas como un nicho de emprego en tempos de

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 22/06/2010
A Universidade como xermolo de ideas e aplicacións, as administracións públicas como demandantes de respostas e solucións e as empresas como produtoras e comercializadoras. Este equipo perfecto é o que se fai necesario para que as Tecnoloxías da Información e Comunicación fagan máis autónoma a vida das persoas con necesidades especiais. Esta necesidade de colaboración e traballo conxunto foi a conclusión á que se chegou na clausura das Xornadas de e-accesibilidade: promocionando a autonomía persoal, á que asistiu xunto co reitor, Salustiano Mato, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; a concelleira de Benestar Social, María Méndez e o director territorial Noroeste de Vodafone, Juan José de Santiago.
Como apuntou o reitor, “nesta mesa estamos todos os axentes necesarios para facer da igualdade de oportunidades unha realidade, para facelo grazas ás aplicacións das novas tecnoloxías”. Salustiano Mato avogou por facelo compartindo capacidades e coñecementos e revertindo a situación, “facendo das dificultades oportunidades en épocas de crise como esta”, xa que coincidiu coa conselleira en destacar este campo da e-accesibilidade en concreto e da atención social en xeral, como un importante nicho de emprego para os titulados. O reitor salientou tamén as importantes achegas que se están a facer dende a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, "unha das mellores de España fabricando elementos que dinamicen as TIC en Galicia" e destacou o traballo de Gradiant, das investigacións en colaboración coa Axencia Espacial Europea e apuntou ao novo AtlanTIC como un eixo fundamental no futuro.

Dous días para encaixar necesidades e tecnoloxías accesibles

Ao longo dos dous días que duraron estas xornadas, organizadas pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, os asistentes puideron coñecer as demandas dos colectivos con necesidades especiais como maiores, dependentes, discapacitados auditivos, visuais, etc e tamén as propostas que lles ofrecen as TIC e as tecnoloxías accesibles para mellorar a súa calidade de vida e a súa autonomía persoal. A directora da escola, Edita de Lorenzo, destacou que moitas das ideas tratadas nestes días “poderanse ver en breve postas en práctica” e amosouse convencida da súa rendibilidade. Como apuntou a concelleira de Benestar Social de Vigo, María Méndez, moitas destas novas tecnoloxías xa están na práctica como é o caso da teleasistencia para maiores e dependentes ou “servizos como o de tradución simultánea que temos posto en marcha dende o Concello nas Unidades de Traballo Social destinado aos inmigrantes”. Pola súa banda, o director territorial Noroeste de Vodafone, Juan José de Santiago, explicou que este tipo de avances en novas tecnoloxías e TIC deben servir tamén para “facer desaparecer a fenda dixital e neste longo camiño necesitamos a colaboración de todos os axentes do sector”. O representantes da empresa engadiu tamén que a evolución natural das TIC pasa “por desenvolver ferramentas que permitan aos colectivos vulnerables incrementar a súa autonomía e indepedencia”.