DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e a vicerreitora do campus reuníronse co delegado territorial Luis López

Universidade e Xunta buscan seguir impulsando as súas liñas de colaboración en Pontevedra 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 06/07/2022

Tras a súa reelección como reitor da Universidade de Vigo para os próximos catro anos, Manuel Reigosa e a nova vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, mantiveron este mércores unha reunión co delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, dirixida a abordar as liñas de colaboración abertas entre as dúas institucións. A xuntanza, na que participou tamén o xefe territorial da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Ramón Pereiro, tiña como obxecto abordar tanto as iniciativas “xa en marcha” como os “proxectos que temos para o campus”, como explicou Reigosa, que agradeceu o apoio amosado polo delegado territorial para o impulso de múltiples iniciativas.

“A reunión enmárcase dentro dunha liña de contacto que queríamos manter a efectos de seguir impulsando proxectos e liñas de colaboración coa Universidade”, engadiu López, que aproveitou a xuntanza para “darlle os parabéns” a Reigosa e Lantarón tras os seus nomeamentos, á vez que para pór de relevo o papel da Universidade de Vigo e do campus pontevedrés como un elemento “vital, que axuda a construír cidade e provincia”. 

Alén doutras liñas de traballo conxunto, a xuntanza serviu tamén para abordar unha colaboración en materia de utilización de espazos. Como explicou Reigosa, levará “moi probablemente” á sinatura “en breve” dun convenio de colaboración para o uso conxunto de varias instalacións, “que vainos permitir servir á cidadanía dun xeito moito mellor en distintos actos”.