DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor mantivo a súa primeira xuntanza coa nova delegada, Teresa Pedrosa

Universidade e Zona Franca apostan por Citexvi e o Polo de Innovación para potenciar o tecido industrial de Vigo

Destacaron a necesidade de colaborar en transferencia e internacionalización

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río  DUVI 22/03/2012

De xeito conxunto e aproveitando as sinerxías. Baixo estas premisas veñen traballando e continuarán facéndoo a Universidade de Vigo e a Zona Franca de Vigo para potenciar o tecido industrial da cidade. Así o expresaron o reitor, Salustiano Mato, e a delegada da Zona Franca, Teresa Pedrosa, na primeira xuntanza entre ambos, na que destacaron que a contorna de Vigo precisa da transferencia de coñecemento e da innovación para crecer. Ambos subliñaron a importancia e a eficacia de Citexvi e do Polo de Innovación, dous proxectos nos que Universidade e Consorcio da Zona Franca traballan da man.

Mato e Pedrosa destacaron que a Cidade Tecnolóxica de Vigo tense convertido en menos dun ano nun “instrumento que xera emprego, economía e empresas”, en palabras do reitor. De feito, “Citexvi é o camiño a seguir como centro de transferencia que pon a disposición da sociedade proxectos viables”, explicaba Pedrosa.

Outro dos froitos do que Mato define como “cooperación intelixente” entre ambas institucións é o Polo de Innovación. A primeira acción concreta deste proxecto é a Factoría de Innovación, un centro de alto rendemento que reunirá 24 empresas galegas no Porto do Molle, en Nigrán, nun edificio que está a piques de ser rematado e para o que en breve comezarán as contratacións, segundo anunciou o reitor. Salustiano Mato explicouu que todas as accións enmarcadas neste Polo de Innovación responden ás conclusións dun estudo que Zona Franca encargou a un grupo de investigadores da Universidade encabezado por Xosé Henrique Vázquez, no que se analiza a a situación da innovación en Vigo e na súa área de influenza.

Froitos da colaboración intelixente

Nesta primeira xuntanza tralo recente nomeamento de Teresa Pedrosa, o reitor quixo subliñar que Zona Franca é o “principal aliado estratéxico da Universidade”, visión que Pedrosa comparte apostando por “aproveitar o gran crecemento que a Universidade sufriu nos últimos anos en tecnoloxía, innovación, I+D e emprendemento”. Esta sinerxía é útil para Vigo, para potenciar o crecemento e desenvolvemento das súas empresas e pero tamén é útil para a Universidade, “para que os coñecementos que xeramos cheguen á sociedade e para axudarnos no noso obxectivo de internacionalización en Europa a través da transferencia”, indicaba o reitor.

Para a delegada da Zona Franca o de Vigo é “un exemplo clave para todas as universidades, sobre todo, polo feito de contar cun vicerreitor de Transferencia, moi importante para a contorna empresarial”. Pedrosa incidiu en continuar estreitando lazos de colaboración porque “para que Vigo se posicione internacionalmente todas as institución temos que traballar xuntas e cun obxectivo común, vender Vigo aos potencias inversores. Neste sentido destacou que a cidade reúne todas as condicións, dende a situación xeográfica, ata o persoal cualificado, pasando por “unha universidade extraordinaria e empresas con moitas ganas e enerxía para captar novos inversores”.

Factoría de Innovación

A Factoría de Innovación que se instalará no Porto do Molle de Nigrán será un espazo para que as pequenas e medianas empresas galegas poidan incrementar a súa competitividade no desenvolvemento, implantación e deseño de actividades de I+D+i e facer efectiva a transferencia ao tecido industrial de todo o coñecemento xerado polos investigadores vigueses. Esta factoría funcionará como un centro de excelencia no que realizar planes individuais de adestramento para axudar ás compañías a desenvolver proxectos de I+D+i ao tempo que se potencia a difusión da cultura innovadora. Con sede no polígono industrial de Nigrán e unha oficina en Citexvi, nun principio serán 24 as empresas da área de Vigo que participen no proxecto e expoñan os problemas e necesidades aos que se enfrontan no mercado.