DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xuntanza do proxecto Tempus – Osmose que se celebra en Vigo este xoves e venres

Universidades europeas e magrebís achegan posturas sobre a colaboración co tecido empresarial

Coñecen exemplos de colaboracións público-privadas como Campus do Mar ou Economics for Energy

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 21/02/2013
Son moitos os xeito de poñer en contacto ás universidades co tecido empresarial da contorna, tanto a través de convenios de colaboración, proxectos conxuntos de investigación, transferencia de coñecemento, prácticas para o alumnado, etc. Pero todas elas supoñen un enriquecemento mutuo para ambas partes, fomentando sinerxías naturais e incidindo no desenvolvemento socio-económico. Este é o obxectivo do proxecto Osmose, que reúne catro socios europeos e 18 do Magreb e ten como obxectivo principal a creación de parcerías universidade-empresa sostibles e operativas nesta zona de África.

Ao abeiro deste proxecto Tempus, financiado pola Comisión Europea, reúnense en Vigo este xoves e venres 35 representantes destas universidades e consultoras, entre vicerreitores de investigación, de relacións internacionais e responsables e directores das OTRI. Coordinado pola Universidade de Burdeos, o proxecto Osmose comprende catro liñas estratéxicas, unha delas titorizada pola institución viguesa, que é o obxecto desta xuntanza técnica na cidade olívica.

Os vicerreitores de Investigación, Asunción Longo, e de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, foron os encargados de darlles a benvida aos asistentes, destacando a importancia da colaboración entre universidades de ambos continentes e delas co tecido produtivo que as rodea. Longo destacou que a presenza de todas estas universidades neste proxecto “é unha mostra da talla e da importancia do mesmo”. Pola súa banda, José Antonio vilán subliñou a importancia deste tipo de xuntanzas para avanzar en diferentes modalidades e estruturas de colaboración no eido do I+D, buscando o mellor xeito de establecer sinerxías en innovación.

Na procura de sinerxías

Osmose, Ouverture Structurée université MOnde Socio-Economique, márcase como obxectivo a dinamización de estruturas sostibles e a formación de persoal das institucións participantes dos países do Magreb, aproveitando a experiencia dos parceiros europeos. Así, pola parte europea, ademais de Burdeos e Vigo, colaboran a Universidade de Boloña e a consultora Arches. Mentres, polo lado africano, o proxecto está formado por nove universidades marroquís, tres alxerinas e 5 de Tunicia, xunto coa asociación R&D Maroc.

A liña de traballo que coordina a Universidade de Vigo céntrase na promoción das relacións universidade-empresa, así como na creación de consorcios nos que se unan estes dous tipos de socios. Por iso, nesta xuntanza técnica os asistentes puideron coñecer experiencias exitosas neste sentido como o Campus do Mar, que foi presentado por Alberto González Garcés, director del área de Internacionalización do campus de excelencia internacional; Economics for Energy, da man de Xavier Labandeira; Gradiant, ou a plataforma tecnolóxica galega agroalimentaria, Ptgal.

Outras liñas de traballo

As outras liñas de traballo deste proxecto internacional céntranse noutros aspectos desta relación entre as institucións académicas e as empresariais. Por unha banda teñen como obxectivo o eido comunicativo, mediante a posta en marcha de accións que permitan ás institucións e aos seus grupos de investigación dar a coñecer o seu I+D+i entre o sector empresarial. Outra das liñas estratéxicas baséase en promover as oportunidades de realizar práctica pre-profesionais entre o alumnado universitario e a súa inserción laboral a través de estancias e proxectos titorizados que se adaptan ao mundo socioeconómico. Finalmente, o outro obxectivo do proxecto Osmose é fomentar a relación entre o estudantado de posgrao e o tecido socio-económico, mediante a posta en marcha de doutoramentos que dean resposta ás necesidades empresariais e complementando a súa formación en materia de valorización de resultados de investigación a través da propiedade industrial, a creación de empresas, etc.