DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Denuncian que aínda non se asinou o convenio que garanta as prácticas do alumnado

As universidades galegas acusan á Consellería de Educación de facer deixadez das súas responsabilidades co Mestrado en Profesorado

A pesar da situación actual as universidades abriron hoxe o primeiro prazo de matrícula

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/12/2009
Nin publicación da orde na que se convoque aos centros de secundaria e ao seu profesorado para que participen na realización do practicum. Nin acreditación dos titores e titoras, nin dos centros socilitantes como centros de prácticas. Nin garantir ás universidades que disporán de prazas suficientes para o alumnado matriculado que superará a cifra dos 700. Estes son segundo as universidades de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo as razóns que xustifican o que cualifican como “deixadez de funcións” da Consellería de Educación en relación co Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas.
As tres universidades galegas pronúncianse de xeito conxunto á hora de denunciar que a Consellería “non asume a súa responsabilidade e pretende que sexan as universidades as que fagan selección e acreditación dos centros de ensino, así como dos titores e titoras, a diferenza do que ocorre noutras comunidades autónomas, xa que é a Xunta a que ten a información relevante a estes efectos”. Tras lembrar que é a Consellería de e Educación e Ordenación Universitaria a responsable da realización do practicum do mestrado, para o que previamente debe publicar unha orde na que convoque aos centros de secundaria e ao seu profesorado para que participen nas devanditas prácticas, as universidades galegas confirman que a día de hoxe non se produciu a publicación desta orde, nin se asinaron os correspondentes convenios, “pese a instar á Consellería a facelo dese hai varios meses”, aseguran responsables das tres universidades.
A pretensión de que os custes derivados do cambio de modelo formativo sexan asumidos en exclusiva polas universidades, é outra das acusacións que as institucións académicas galegas dirixen á Consellería que consideran “fai deixadez das súas responsabilidades en algo tan importante como é a formación inicial do futuro profesorado de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Idiomas”.

Aberto o primeiro prazo de matrícula

A pesar dos incumprimentos dos que acusan á Consellería de Educación, as tres universidades galegas acordaron abrir hoxe o primeiro prazo de matrícula no Mestrado que aseguran é consecuencia de máis dun intenso ano de traballo en que se elaborou unha memoria do novo título, planificouse e organizouse a docencia, as infraestruturas e os medios necesarios para a súa implantación así como, finalmente a selección do amplo número de solicitantes. “As universidades do SUG fixeron un esforzo de coordinación na súa oferta e nos procedementos máis axeitados para a súa implantación, no marco da reforma da ensinanza superior ao EEES, nun contexto de colaboración institucional imprescindible tendo en conta que este novo mestrado habilita para a profesión regulada de profesor e profesora destes niveis educativos”, sinalan desde as tres universidades. Neste sentido as institucións lembran a existencia dunha orde ministerial que regula as condicións para a verificación do título e que esixe a colaboración institucional entre administracións e universidades a través do correspondente convenio.
En Galicia o mestrado que substitúe ao CAP oferta un conxunto de seis especialidades que, á súa vez, se diversifican en ata tres itinerarios por especialidade, segundo o caso.

Pronunciamento conxunto das tres universidades (84 KB)