DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado poderá elixir entre máis de 50 empresas

As universidades galegas alíanse co Clúster Alimentario para a realización de prácticas profesionais

O acordo foi asinado polos tres reitores como unha aposta pola innovación no sector

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 04/05/2011

Como dinamizador da economía galega, o sector alimentario abre tamén as súas portas ao estudantado universitario para realizar nas máis de 50 empresas que compoñen o clúster, as súas prácticas pre-profesionais. Así o acordaron este mércores os tres reitores das universidades galegas e o presidente do Clúster Alimentario de Galicia, José Luis Antuña, coa sinatura dun convenio de colaboración que axudará tamén a desenvolver a vertente innovadora deste tecido empresarial.

Búscase así o intercambio de coñecementos, ofrecendo ao alumnado a posibilidade dun primeiro achegamento ao mercado de traballo ao tempo que estas pequenas e medianas empresas produtoras e transformadoras de alimentos acadan un valor engadido aos seus procesos produtivos. Neste sentido, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, explicou na rolda de prensa posterior á sinatura, que a presenza de titulados nestas empresas, moitas delas con dificultades para participar en programas destas características pola súa escasa dimensión, “facilitará un aumento da eficiencia" na xestión dos "recursos escasos" existentes en materia de financiamento e permitirá "ser capaces de obter máis" nun futuro.

Para José Luis Antuña, este primeiro convenio que se asina de xeito global cun clúster “facilitará unha dispoñibilidade de coñecemento ás empresas” no tocante a internacionalización, i+D e necesidades transversais, ao tempo que permitirá atallar a “falta de formación existente” e o déficit en materia de comercialización e innovación no sector. Para o presidente do Clúster, as empresas alimentarias a pesar da súa elevada facturación e capacidade de aforro, “teñen unha gran debilidade: o seu escaso valor engadido”, que con este acordo marco se pretende solventar. A dispoñibilidade da "xente mellor formada das universidades" achegará "fortaleza", capacidade para "mellorar procesos e produtos" ás pequenas e medianas empresas, ademais de "intercambio" e, en definitiva, "máis coñecementos" coa mirada posta en ser "competitivos" respecto ao mercado exterior.

Alianza estratéxica

O reitor da Universidade de Vigo reivindicou a "postura común" das tres institucións académicas para avanzar cun sector "tradicional, primario" e ao mesmo tempo "con capacidade expansiva e extensiva" no ámbito económico. Neste sentido coincidiu Mato co reitor coruñés, José Mª Barja e co de Santiago, Juan Casares Long, defendendo a necesidade de innovar e "sumar esforzos" para "remar na mesma dirección e unir recursos", para defender que en época de "austeridade" o máis importante "non é falar de contención", senón de "traballar xuntos" para "dar unha resposta" á sociedade "con cooperación intelixente". Barja resaltou este "bo exemplo" de colaboración para achegar coñecemento en diferentes ámbitos, como o marketing, novas tecnoloxías ou comercialización. Casares Long, pola súa banda, remarcou que esta "unión de gañadores" ofrece unha resposta a un "dobre mandato", contribuír con innovación no ámbito industrial e ofertar "formación aplicada" aos estudantes.

Este convenio global complementarase con convenios bilaterais con cada universidade dando así resposta ás demandas de cada titulación e de cada empresa, para o que se elaborará un estudo de necesidades e se realizará un seguimento. Poderán solicitar estas prácticas os estudantes que cursasen algunha titulación relacionada co sector, estendéndose tamén á rama da economía ou o dereito, por exemplo. Os ámbitos nos que desenvolverán as súas tarefas serán fundamentalmente os de comercialización e innovación.