DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebraranse do 9 ao 11 de maio en Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña

As universidades galegas buscarán nunhas xornadas reforzar o seu papel como axentes de cooperación

O encontro está aberto á participación de toda a comunidade universitaria e resto da sociedade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Cooperación
  • Institucional
D. Besadío DUVI 14/04/2023

Tres días integramente dedicados a reforzar o papel das universidades públicas como axentes de cooperación. Así será a I Semana Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento, unha actividade organizada desde a Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento, RGCUD, organismo integrado polas universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña e que no bienio 2022/2023 lle corresponde coordinar á UVigo. Será do 9 ao 11 de maio: o martes 9 en Vigo, o 10 en Compostela e o 11 na cidade herculina, se ben se contará tamén con retransmisión telemática para facilitar o seguimento desde calquera das sedes.

“Estas son as primeiras xornadas que facemos con presenza nos campus das tres universidades coa idea de reforzar a colaboración no eido da cooperación e a interacción entre a comunidade universitaria das tres universidades”, apunta Henar Quintas, directora da Área de Equidade e Diversidade, ao que engade que a idea é achegarse ao fenómeno da cooperación universitaria ao desenvolvemento establecendo un foro de diálogo e reflexión entre os principais actores da cooperación, así como a crear sinerxías conxuntas que xeren un efecto multiplicador das accións de cooperación no marco da Axenda 2030. Para conseguilo estase a organizar un intenso programa de actividades vertebrado en torno a relatorios, mesas redondas, paneis de experiencias, presentacións  de pósteres… “Convidamos a todas as persoas das tres universidades que nos últimos cinco anos teñen coordinado proxectos de cooperación universitaria ao desenvolvemento ou de investigación relacionados con estas cuestións a que presenten un póster do seu proxecto”, explica a responsable de Equidade e Diversidade.

As xornadas arrancan en Vigo baixo o lema Alianzas

As xornadas arrancarán en Vigo baixo o lema Alianzas. A inauguración será ás 12.00 horas na sala 1 do edificio Miralles coa participación do reitor, Manuel Reigosa, e o relatorio inaugural correrá a cargo de Rosa Mª Martínez Espinosa, vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperación para o Desenvolvemento da Universidade de Alacant e coordinadora do grupo de traballo de cooperación da sectorial de Internacionalización e Cooperación da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, CRUE.

A continuación, ás 12.30 horas, terá lugar a primeira das mesas redondas. Neste caso levará por título Que instrumentos poñen as administracións públicas á disposición da cooperación universitaria para o desenvolvemento? e nela contarase coa participación de Carolina Diz Otero, asesora técnica en materia de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria de Cooperación Galega, e Maite Martín Crespo, xefa de área de Medioambiente e Cambio Climático da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, AECID.
Xa pola tarde, presentaranse diferentes experiencias de investigación e cooperación no ámbito universitario galego. Será nunha mesa redonda moderada pola vicerreitora de Investigación, Belén Rubio. O programa rematará nesta primeira xornada cunha presentación sobre a universidade e as ONGD, unha oportunidade para colaborar no marco dos proxectos de cooperación.

En Compostela ‘creando conciencia’ e na Coruña ‘coas persoas’

O mércores 10 as xornadas trasládanse á Universidade de Santiago de Compostela, baixo a temática A universidade creando conciencia. Estarán centradas no papel da Universidade como axente de cambio da sociedade a través da educación para a cidadanía global. O último día será o xoves 11 no salón de graos da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, onde a temática central serán as persoas. Neste caso falarase sobre as actuais crises de persoas refuxiadas e sobre as medidas e programas que se están a adoptar por parte das universidades neste eido, así como da abordaxe de retos conxuntos. “A idea é pechar as xornadas reflexionando sobre o futuro da cooperación universitaria ao desenvolvemento abordando os retos para unha cooperación universitaria, feminista, sostible interseccional e decolonial”, explica Quintas.

Inscrición aberta

Dirixidas a docentes, persoal investigador, alumnado, persoal de administración e servizos, así como a traballadores das entidades sociais que teñan un interese especial na cooperación universitaria ao desenvolvemento, as persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través da web das xornadas.