DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obxectivo do programa é que todos os cidadáns galegos fagan deporte

As universidades galegas comprométense co Plan de Fomento da Actividade Física promovido pola Xunta de Galicia

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijoo DUVI 28/10/2009

O Plan de Fomento da Actividade Física é unha iniciativa do Goberno galego que ten por obxectivo conseguir que todos os cidadáns se incorporen á práctica do deporte. As tres universidades galegas van colaborar activamente na redacción do plan aportando especialistas nesta área de coñecemento, e farano en virtude dun convenio que van asinar proximamente. Así o adiantou José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, no transcurso da conferencia inaugural do curso Deporte, empresa e sociedade, que hoxe se iniciou no Edificio Xurídico-Empresarial.
Ademais de José Ramón Lete, o acto inaugural do curso contou coa presenza de Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense; María Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; José Antonio Fraiz, director do curso, e Beatriz Anguiano, xerente da Fundación Caixa Galicia.
Na súa intervención, Juan Francisco Gálvez animou ao estudantado “a aproveitar todas as actividades que se organizan dende a Universidade”, como é o caso dos cursos de extensión universitaria, algo que lles vai ser de moita utilidade á hora de enfrontarse ao mercado laboral, onde entran en xogo o dominio de máis intereses e habilidades que os adquiridos na vida estritamente académica. O director do curso, José Antonio Fraiz, pola súa parte, subliñou que o obxectivo dos organizadores do evento á hora de programar as actividades do certame “foi o de buscar un enfoque novedoso, multidisciplinar, que xira en torno á xestión”.

Altas tasas de obesidade e sedentarismo na poboación galega

España, e por suposto Galicia, conta cunhas altas taxas de obesidade e sedentarismo que levan consigo efectos negativos para a saúde e que xeran tamén uns custos sanitarios moi elevados. Así o subliñou José Ramón Lete, quen lembrou tamén os efectos beneficiosos da actividade física na saúde das persoas. “A Organización Mundial da Saúde di que 30 minutos diarios de actividade física en adultos e 60 minutos en nenos son suficientes para mellorar as nosas condicións de vida e nunhas condicións de saúde óptimas”. A posta en marcha do Plan de Fomento da Actividade Física, do que adiantou as súas principais liñas estratéxicas, quere achegar a práctica do deporte a todos os cidadáns.
A iniciativa inclúe varias liñas de actuación que van dende o deporte na idade escolar, “unha poboación diana fundamental porque é onde se adquiren os hábitos e as rutinas para modificar condutas como o sedentarismo”, segundo José Ramón Lete, ata o mundo universitario e a poboación maior. Segundo o secretario xeral para o Deporte da Xunta, “en Galicia, un de cada catro galegos son maiores de 65 anos, polo que este sector da poboación vai ser tamén outro dos obxectivos que imos abordar”.
Campañas de sensibilización, accións dirixidas aos maiores ou a aquelas persoas con algunha discapacidade física e un plan de infraestruturas que ten por obxectivo que todos os concellos de Galicia posúan un espazo saudable son algunhas das accións que se van pór en marcha nun plan de acción que persegue o fomento do deporte en Galicia.

Medios de comunicación, deporte e turismo

Deporte, Empresa e Sociedade é un curso de extensión universitaria que dedica a súa sétima edición a tres ramas do coñecemento: os medios de comunicación, os espectáculos deportivos e os produtos turísticos. O evento desenvolverase durante os días 28 a 30 de outubro no Edificio Xurídico-Empresarial, e consta dunha serie de conferencias e mesas redondas que abordarán o deporte dende unha visión innovadora, como son as súas dimensións económicas e sociais.
O papel que xogan os medios de comunicación no mundo do deporte, con mesas redondas sobre esta temática –Os medios de comunicación e o deporte, O sector audiovisual e a promoción turística de Ourense-, e a importancia de medios como o cine na promoción de destinos turísticos –o curso inclúe unha conferencia da profesora Lorena Rodriguez sobre Promoción de destinos turísticos a través do cine- son algunhas das temáticas que se van abordar nestes tres días de cursiño. Sen esquecer outro dos aspectos fundamentais: a economía, con conferencias que analizarán, por exemplo, porqué os clubes de fútbol rematan acollidos á lei concursal, e as quinielas. A conferencia de clausura correrá a cargo de Ramón Barba, subdirector do Consello Superior de Deportes, que falará sobre a situación institucional do modelo deportivo en España.