DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do protocolo asinado coa Xunta para o impulso do programa Proade

As universidades galegas contribuirán á conciliación académica dos deportistas de alto nivel

O reitor da UVigo sinalou o “papel prioritario do deporte na formación do individuo"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 01/12/2023

As universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña asinaron este venres coa Xunta de Galicia un protocolo de colaboración que ten por obxecto canalizar as necesidades deportivo-académicas das e dos deportistas de elite que cursan estudos superiores, mediante o intercambio de información entre distintos organismos e o impulso de accións que contribúan a dar visibilidade os servizos que teñen a súa disposición para conciliar deporte e estudos. Trátase dunhas medidas incluídas no Programa de Axuda ao Deportista (Proade) impulsado polo Goberno galego, que ten como obxectivo de ofrecer asesoramento psicolóxico, titorización e orientación aos e ás deportistas de alto nivel e alto rendemento.

Proade canalizarase a través da Oficina de Atención ao Deportista, con sede no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, que este venres acolleu a presentación desta iniciativa. O acto estivo presidido polo vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e nel interviñeron o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, en nome das tres universidades; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e a medallista olímpica e egresada da UVigo Teresa Portela. Coa participación tanto de deportistas en activo como xa retirados, á presentación asistiron tamén o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de profesorado da USC, Ernesto González; a presidenta do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), Rosa Álvarez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. 

O “papel prioritario” do deporte na formación

O compromiso asinado nesta xornada polas universidades galegas e a Xunta abrangue, como explicou Reigosa, “tres liñas de actuación”. Por unha banda, contribuír á “visualización do deporte” e da súa importancia entre a cidadanía, un ámbito no que, lembrou, as universidades son “plenamente conscientes do papel prioritario que debe ter na formación integral do individuo”. Por outro lado, explicou o reitor, comprométense tamén “a facer unha serie de protocolos de actuación entre as tres universidades que permitan facer moito mellor o traballo do noso estudantado e tamén o dos deportistas profesionais”. Finalmente, o protocolo pon o foco na “integración” dos deportistas de elite na vida académica, en contribuír a que poidan “seguir competindo e ao mesmo tempo ter unha serie de vantaxes para compatibilizar a vida académica” coa preparación e competición.

Neste punto, Reigosa salientou que “a presenza de deportistas de elite na nosa Universidade medra ano a ano”, situándose na actualidade en preto de 90, e que a institución académica conta cuns “protocolos aos que hai que darlle recoñecemento e posiblemente amplialos”. Concretamente, a UVigo puxo en marcha en 2021 o Estatuto do Estudantado Deportista, que ten precisamente como obxectivo promover e apoiar o deporte universitario, fixando medidas que favorezan a conciliación da vida universitaria e deportiva e que fomenten o recoñecemento académico das prácticas físico-deportivas pola súa achega á consolidación dos valores propios da UVigo. O programa abrangue un conxunto de medidas para o alumnado deportista de elite orientadas a combinar as esixencias deportivas cunha educación universitaria de calidade, como poder escoller o horario, quenda ou grupo que máis se axuste ás necesidades, ter flexibilidade no calendario de exames ou obter un recoñecemento de ata 6 créditos ETCS pola súa actividade deportiva. 

Dirixido, como explicou Calvo, a prestar asesoramento aos deportistas de cara a súa incorporación ao mercado laboral tras a retirada, a posta en marcha de Proade abrangue tamén acordos coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade sobre inserción laboral e emprendemento e co COPG, en materia de atención psicolóxica.