DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha delegación dominicana visitou esta semana o campus de Ourense

As universidades de Santo Domingo e Vigo colaborarán en mellora lectora e formación docente

No marco dunha axuda estatal de cooperación para a preparación de accións conxuntas

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 21/07/2011
Unha das maiores utilidades de asistir a congresos non é o contido propiamente que abordan senón a posibilidade que ofrecen de abrir canles de comunicación entre axentes con intereses comúns. Un exemplo diso é a visita esta semana ao campus de Ourense dunha delegación da Universidad Autónoma de Santo Domingo, que está a traballar con investigadores da Universidade de Vigo no deseño de varios proxectos educativos de mellora lectora e formación docente. Unha iniciativa froito do frutífero encontro de investigadores ourensáns e dominicanos en 2010 nese país centroamericano.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, recibiu á delegación dominicana, composta por Ramón Morel, director da Escola de Letras da Universidad Autónoma de Santo Domingo, e Mariví Núñez, profesora da mesma universidade. Xunto a eles estivo Manuel Deaño, catedrático da Universidade de Vigo e coordinador da parte galega do proxecto. Durante o encontro, a vicerreitora agradeceu a visita, intercambiou impresións cos docentes e explicoulles as principais características da Universidade de Vigo.

“O motivo da visita é a preparación da colaboración entre a Universidad Autónoma de Santo Domingo e o departamento de Psicoloxía Evolutiva da Universidade de Vigo”, explicou Deaño. A liñas de colaboración que están deseñando abranguen, segundo salientaron os seus responsables, dúas áreas. Trátase do fortalecemento docente, a mellora da formación do profesorado dominicano, e a busca de fórmulas para a mellora e o fomento da lectura entre a poboación escolar de centros públicos dominicanos.

Axuda á cooperación

Para o desenvolvemento destas accións preparatorias de colaboración, as entidades acadaron unha axuda dentro convocatoria de axudas para programas de cooperación interuniversitaria e investigación científica da Secretaría de Estado de Cooperación Internacional. Tras esta fase previa e unha vez deseñadas as accións, o proxecto desenvolverase ao longo de varios anos.

Durante a súa estadía, Ramón Morel quixo agradecer a acollida dispensada tanto á delegación coma ao propio proxecto. “Unha vez presentamos as problemáticas e necesidades que tiñamos, referidas á mellora lectora de escolares e á formación docente, foron moi ben recibidas”, salientou. Tamén quixo lembrar que esta colaboración é posible grazas aos contactos establecidos entre os investigadores dos dous países no I Congreso Nacional de Lectura celebrado en terras dominicanas en 2009/2010. Pola súa banda, Mariví Núñez quixo subliñar ademais “a importancia de que dúas universidades públicas colaboren en proxectos desta temática”.