DUVI

Diario da Universidade de Vigo

18 institucións de Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal constitúen unha conferencia de reit

As universidades do suroeste europeo fan fronte común en torno á cooperación intelixente

Salustiano Mato, pola súa banda, presidirá a Conferencia de Reitores do Noroeste de España

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/12/2011

275.000 estudantes cursan estudos nas 18 universidades e institutos politécnicos que conforman a Macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo (RESOE) que agrupa a Galicia, Castela e León e a rexión Norte de Portugal. A que foi a primeira macrorrexión creada no territorio ibérico conta desde hoxe cunha Conferencia de Reitores de seu, a CRUSOE, que xunto á Conferencia de Reitores do Noroeste de España, CRUNO, constituída nas últimas horas, tamén en León, materializa en palabras do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato “non só universidades, senón unha realidade social común”. Mato que foi nomeado presidente da CRUNO sinala que ambas conferencias de reitores comparten un obxectivo claro: “tomar a iniciativa para contribuír a saír da crise cunha actitude proactiva, construíndo con cooperación intelixente e poñendo en valor o coñecemento”. Unha opinión compartida polo presidente da CRUSOE, constituída polas oito universidades de Castela e León, as tres de Galicia, tres de Portugal e catro centros politécnicos liderados polo Instituto de Bragança, e reitor da Universidade de Porto, José Carlos Marques dos Santos que considera que “máis que nunca cómpre traballar unidos para facer fronte aos retos que hai asumir para a formación da cidadanía e para participar no desenvolvemento económico e social, porque a sociedade agarda moito máis das universidades”.

Crear un marco lexislativo e desenvolver un plan estratéxico serán as primeiras accións que levarán a cabo os integrantes da CRUSOE que posteriormente trasladarán o documento estratéxico que recolle as capacidades e obxectivos das institucións académicas que a integran aos gobernos de España e Portugal e tamén ante instancias europeas coa vista posta no programa Horizon 2020 que substituirá a partir de 2014 ao actual programa Marco de financiamento europeo. Pola súa banda a CRUNO, aínda que comparte os obxectivos da CRUSOE, orientarase dun xeito máis preciso cara ao desenvolvemento de políticas universitarias en España. “Será”, segundo o reitor da Universidad de León, José Ángel Hermida, “un lugar común de encontro que permita levar a cabo unha postura unificada de temas de interese común para que sexan presentadas ante o Consejo de Universidades e a Conferencia de Rectores”.

Da auga ao patrimonio, pasando pola cooperación interrexional

O documento no que se plasmarán as capacidades que as institucións académicas que constitúen a CRUSOE poden achegar á macrorrexión na que se integran, centrarase en seis áreas temáticas: a auga, o sector primario, saúde, medio ambiente e enerxía, patrimonio material e inmaterial e cooperación. En relación co primeiro eixo, Salustiano Mato lembrou a implicación que a Universidade de Vigo ten neste ámbito por unha banda co Campus do Mar e por outra co Campus da Auga de Ourense. A transformación do sector primario a través da innovación para convertelo nunha oportunidade na macorrexión é outra das liñas de traballo do plan estratéxico no que o patrimonio material e inmaterial, nomeadamente a lingua, adquire especial importancia “habida conta de que máis de 650 millóns de persoas falan no mundo portugués e español”, destacou Mato. A derradeira liña estratéxica a desenvolver é a relativa á cooperación interrexional que incidirá de xeito especial no despoboamento e na cooperación ao desenvolvemento.