DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentado este mércores, está impulsado pola Xunta e unirá empresas e centros de investigación

As universidades terán un papel activo no Clúster Saúde de Galicia

Nace co obxectivo de aproveitar os fondos rexionais, nacionais e europeos en materia de I+D+i

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 21/09/2011

Xunta de Galicia, empresas, centros de investigación e universidades da man para converter ao sector da saúde en motor de emprego e fortalecemento económico de Galicia. Con este idea nace o Clúster Saúde de Galicia, presentado este mércores pola conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, para desenvolver a excelencia empresarial no eido da saúde e a innovación, agrupando as áreas de biomedicina, biotecnoloxía, tecnoloxía médica, alimentación, farmacia e servizos de saúde.

Segundo explicou a conselleira, o Clúster Saúde nace como unha aposta pola innovación e a internacionalización das empresas, universidades e centros de coñecemento da Comunidade Autónoma, por medio do cal o tecido empresarial galego poida aproveitar as oportunidades que lle brindan os fondos rexionais, nacionais e europeos en materia de I+D+i.

“Os retos que a sanidade ten por diante terán máis éxito e serán máis de todos se a Administración sanitaria pública camiña coas empresas e centros de coñecemento implantados en Galicia” apuntou Farjas, “porque contamos con extraordinarios referentes e líderes nos seus sectores para os que tamén é unha oportunidade esta modernización do sistema público de saúde”.

Referíndose ao contexto actual de crise económica, a titular da Consellería de Sanidade amosouse “convencida de que o sistema sanitario é un elemento clave do estado de benestar, e queremos que sexa tamén un verdadeiro motor de desenvolvemento económico e social en Galicia e unha das pezas fundamentais na recuperación económica”.

15 empresas fundadoras

Entre os 15 membros fundadores deste Clúster atópase a spin-off da Universidade de Vigo Nanoinmunotech, nada para pór en valor os resultados da investigación desenvolta polo grupo de investigación dirixido pola catedrática África González. A empresa traballa no eido da nanotecnoloxía para estudar e mellorar as propiedades das nanoestruturas, desenvolvendo aplicacións para sectores como o farmacéutico, o cosmético, o alimentario, o veterinario. A entidade ofrece servizos de caracterización biolóxica e físico-química de todo tipo de nanomateriais, que se basea na elevada experiencia dos grupos de investigación promotores de Nanoimmunotech.

Os outros membros fundadores do Clúster Saúde de Galicia xunto con Nanoimmunotech e baixo o liderado da Consellería de Sanidade, son as entidades públicas Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), Galaria; os centros de investigación Fundación Xenómica e CiberOBN; as compañías alimentarias Pescanova Alimentación S.A. e Feiraco; e as empresas Telefónica, Arteixo Telecom, Coremain (tecnolóxicas); Advancell e Cembimo (biotecnolóxicas); e Povisa, Zygos e Severiano Gestión (de servizos sanitarios).

Pescanova Alimentación SA será a encargada de presidir o Clúster durante os tres primeiros anos. Estas 15 primeiras empresas socias facturan máis de 450 millóns de euros anuais e xeran máis de 3500 empregos directos en Galicia e da súa man traballarán tamén as tres universidades.

As universidades, presentes no acto

Xunto coa conselleira, ao acto de presentación asistiron tamén os tres reitores das universidades galegas, Salustiano Mato, Juan José Casares Long e José María Barja, ademais da secretaria xeral da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez; a xerente do Servizo Galego de Saúde, Rocío Mosquera; o director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Varela.