DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de 57 institucións académicas e 13 entidades colaboradoras

Universidades de todo o Estado debaten en Vigo sobre o fomento e a mellora da empregabilidade do estudantado

Esta XXI edición, que se estende ata o día 28, ten a calidade destes servizos como eixe central

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
M. Del Río DUVI 26/06/2023

57 universidades de toda España danse cita no campus de Vigo dende hoxe luns e ata o mércores na vixésimo segunda edición das Xornadas dos Servizos Universitarios de Emprego, organizadas nesta ocasión pola Universidade de Vigo. Nesta cita anual, que reúne o persoal dos servizos e áreas de emprego das institucións académicas de todo o Estado, conta nesta edición coa participación de 166 persoas procedentes tanto de universidades como de 13 organismos colaboradores, entre os que están CIXUG, EURES-T, a Fundación Human Age Institute, Unirisco, Recruiting Erasmus Recruiting Erasmus, NTT DATA, Jobteaser ou Universia España.

O obxectivo destes tres días de traballo será compartir boas prácticas e debater temas de interese común que teñan como obxectivo último o fomento e a mellora da empregabilidade do estudantado universitario. Esta edición leva como lema Calidade en materia de empregabilidade universitaria, xa que, como explica a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da UVigo, Natalia Caparrini, “entre outros temas, queremos abordar cuestións relacionadas cos recoñecementos e acreditacións en materia de emprego universitario e como deben avanzar os nosos servizos no futuro para que as nosas universidades poidan obtelos e visibilizar aínda máis o seu importante labor”.

A empregabilidade, unha tarefa de primeira urxencia

No acto de inauguración, que se celebrou na tarde deste luns no paraninfo do edificio Ernestina Otero, participaron Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da UVigo e Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade.

O reitor puxo o foco na súa intervención no papel que poden ter as universidades para mudar o mundo e “facer unha sociedade máis humana, máis comprometida, máis igualitaria... Temos que xogar o papel de formar o mellor posible a conciencia cidadá nos nosos alumnos e alumnas para que na sociedade teñan ese efecto”; pero tamén é responsabilidade das universidades, continuaba, que a sociedade “sexa máis próspera, que poida acollelos e ofrecerlles emprego” evitando que unha parte importante das e dos egresados teñan que marchar fóra para buscar un emprego. “Non é malo marchar”, recoñecía, “porque o mundo non ten fronteiras, pero todos deberíamos poder desenvolver o noso traballo e xerar emprego e riqueza na terra onde nos formamos grazas aos impostos de tanta xente”. Neste sentido, recalcou que os temas que se van abordar neste congreso, os relacionados co emprego e emprendemento “son tarefas de primeira urxencia” porque “temos que ser capaces, como sistema universitario español, de proveer de capacidades para que todo o talento e o esforzo que sae das aulas non marche a outros puntos do planeta”. 

O presidente do Consello Social, pola súa banda, reafirmou a súa seguridade en que destas xornadas “se sacarán conclusións relevantes que redundarán na mellora da empregabilidade do alumando actual e do antigo das universidades aquí representadas”. Precisamente sobre o colectivo de egresados e egresadas, Pedrosa lembrou que o Consello Social “tense implicado nos últimos anos “na súa localización e achegamento á Universidade e froito de ese obxectivo publicáronse, a través do Observatorio de Egresados, varios estudos sobre a súa situación profesional, sendo a única universidade galega que conta con esta información”.

Tamén o alcalde de Vigo, Abel Caballero, se referiu a este colectivo, para poñer en valor os postos de valor e prestixio nos que se sitúan moitas e moitos dos exalumnos da UVigo, tanto en Galicia como noutras partes do mundo. Co foto no local, destacou que Vigo e a súa contorna son unha zona “profundamente industrial cunha gran capacidade de xerar emprego e, felizmente, a Universidade de Vigo provee ao ámbito económico da cidade de practicamente todo o seu persoal cualificado”. Referiuse ao sector da automoción, ao naval e mesmo ao aeroespacial, que saen adiante “porque a Universidade nos proporciona a sapiencia e o persoal cualificado para levar este proceso adiante” e tamén recalcou o papel da universidades para afrontar as novas crises económicas, “e facelo dende o novo papel de Europa e a nova empregabilidade”. 

Dúas xornadas de debates e unha de traballo colaborativo

As xornadas están organizadas en bloques temáticos relacionados coa orientación laboral, as prácticas externas, a intermediación laboral, a formación en competencias, a mobilidade transfronteiriza e o fomento do emprendemento e con varias mesas sobre boas prácticas, para as que as universidades participantes poidan “compartir experiencias de interese, como destacaba Caparrini”.

Tras o acto de apertura tivo lugar unha conferencia sobre empregabilidade en modalidade streaming a cargo de José M. Nyssen e Anabel Bonilla, da ANECA e, posteriormente, unha mesa redonda sobre boas prácticas en intermediación laboral coa participación de María Belén García, da Universidad de Murcia, cuxa intervención se centrou no engagement perfecto entre a universidade e o tecido empresarial; Rafael Peregrín, da Universidad de Granada, cunha intervención sobre 25 anos de evolución e funcionamento da Axencia de colocación universitaria; Elena Caballero, da Universitat Politècnica de València, que afondo na experiencia do Observatorio de Emprego na UPV; e finalmente persoal de NTT Data analizou as competencias máis apreciadas polos estudantado nunha entidade externa.

Na xornada de mañá martes haberá unha mesa redonda sobre a regulación das prácticas académicas externas, un tema que como lembraba a vicerreitora “nos ten a todos moi preocupados”, outra sobre a importancia da mobilidade no currículo do alumnado e unha terceira sobre boas prácticas en orientación laboral. Pola tarde retómase o programa con outro debate sobre boas prácticas en emprendemento e varias dinámicas de grupo. A derradeira xornada arrancará no Centro de Interpretación do Parque das Illas Atlánticas cunha sesión sobre o proxecto Mares Circulares para despois trasladarse as e os participantes ás illas Cíes, onde participarán nunha actividade colaborativa de recollida de lixo no marco desta iniciativa de economía circular. 

Un obxectivo estratéxico como universidade

Como subliña a vicerreitora Natalia Caparrini, como universidade “o noso obxectivo é preparar ás mozas e mozos para a vida laboral, para isto temos que saber que buscan as empresas para así poder cubrir as necesidades do noso estudantado”. Neste sentido, engade que “na actualidade, as empresas non só buscan candidaturas dunha titulación determinada, e habilidades clásicas como os idiomas ou as competencias dixitais, senón que nos seus procesos selectivos para recrutar talento demandan outras habilidades e competencias transversais necesarias para incorporarse con maiores garantías de éxito aos seus equipos de traballo”. De feito, recalca, estas competencias transversais son chave “para diferenciar o noso alumnado do procedente doutras institucións, polo que estamos buscando vías para poder recoñecer e certificar a adquisición desas competencias”. Neste sentido, a Universidade de Vigo deu xa un primeiro paso coa posta en marcha do Pasaporte de Empregabilidade, mediante o cal o alumnado pode recoñecer a súa formación en certas competencias como créditos ECTS.