DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reitores e responsables das consellerías de Educación e Sanidade reuníronse hoxe

Universidades e Xunta achegan posturas cara a resolución das diferenzas xeradas en relación coa titulación de Medicina

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 14/01/2010

Os reitores das tres universidades galegas, o secretario xeral de Universidades e a xerente do SERGAS continuaron avanzando hoxe na consecución dun acordo que permitirá dar solución ás diferenzas xurdidas entre as institucións académicas en relación coa docencia en Medicina, así como coa posta en funcionamento doutra facultade en Galicia.
Os reitores das institucións académicas galegas e os representantes das consellerías de Educación e Sanidade, mantiveron un encontro hoxe en Santiago, ao termo do cal coincidiron en sinalar os avances acadados que segundo manifestou o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, “concretaranse nun documento que se está elaborando”. Tras manifestar nas últimas horas os responsables das universidades a súa intención de non abordar este ano por causa dos recortes orzamentarios a creación de novas facultades de Medicina, o reitor de Santiago manifestou que hoxe no encontro coa Xunta “avanzáranse nalgúns detalles” e que “unha vez que as universidades temos avances sobre iso, parece lóxico un acordo de todos”.
En relación coa docencia en Medicina e sobre a figura do colaborador docente, o reitor de Santiago sinalou que hoxe non se abordou ese asunto aínda que hai unha comisión para traballar no desenvolvemento desa figura.

Encontro “moi positivo” segundo a Xunta

Pola súa banda o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, asegurou que no encontro de hoxe producíranse “moitísimos avances” e cualificou a reunión de “moi positiva”. A Xunta entregoulles aos reitores un documento con 18 puntos para buscar unha solución á docencia en Medicina, un texto que abarca os principios xerais do acordo de docencia para as actividades que se deben levar a cabo este curso e as que se terán que desenvolver o seguinte, así como os convenios de colaboración entre universidades.