DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No caso da UVigo supoñen unha achega de 4,7 millóns de euros

Universidades e Xunta asinan os convenios que permitirán a mellora de infraestruturas e dixitalización dos campus

O reitor vigués fai fincapé en que estes fondos van permitir programar o futuro dos tres campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 27/11/2023

A Xunta de Galicia e as tres universidade galegas asinaron este luns en Santiago de Compostela cadanseus convenios de colaboración -dous por cada institución- para a mellora das infraestruturas dos sete campus galegos e a posta en marcha de diferentes accións dirixidas a acelerar o proceso de dixitalización dos campus. Será un investimento total de case 15 millóns de euros encadrados, en boa medida, dentro do novo Plan de Infraestruturas para as Universidades Galegas presentado polo presidente do executivo galego, Alfonso Rueda, o pasado mes de xullo.

Nesta ocasión os convenios foron asinados polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e os tres reitores: Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo; Antonio López, da de Santiago de Compostela, e Julio Abalde, da de Coruña.  A xuízo do reitor vigués, Manuel Reigosa, trátase de dous acordos que  “van permitir ter unha Universidade mellor e ben programa cara o futuro” , ao que engadiu que se agarda que este Plan de Infraestruturas “sexa moi válido para aproximarnos a esa Universidade do futuro que estamos a debuxar para o ano 2040-2050, unha universidade na que a UVigo manteña a súa posición ou a mellore e que sexa unha Universidade recoñecible e de calidade”, afirmou o reitor, quen se amosou moi confiado en que, “con achegas desta natureza” poida conseguirse.

4,7 millóns de euros para a Universidade de Vigo

Para a Universidade de Vigo, os dous acordos asinados contemplan unha achega de 4,7 M€ para a construción do Edificio Aeroespacial de Ourense, o estudo previo para a futura Facultade de Enfermería do campus de Pontevedra e avanzar na renovación dos tres campus. Ademais, tamén se mellorarán os recursos dos investigadores mediante a adquisición de novas licenzas de software específico, a contratación dun servizo de soporte para o campus remoto ou o desenvolvemento de actividades baseadas en novas tecnoloxías e promoción da actividade STEM.


No que atinxe á sostibilidade, a UVigo centrará as actuacións na reparación dos edificios e na súa adaptación ás exixencias de accesibilidade, ademais de en diversas obras de mantemento. Neste senso, sufragaranse accións dirixidas ao aforro enerxético e rehabilitarase o edificio Siemens na ETEA para acoller a nova sede do Centro de Investigación Mariña (CIM). 

Programar a medio e longo prazo o futuro dos campus

“Estes dous convenio achégannos uns cartos que son moi importantes para o deseño desa  Universidade do futuro”, subliñou Reigosa, quen fixo fincapé en que este financiamento lle permite á UVigo “programar dun xeito razoable e pensando a medio e longo prazo” cal vai ser o futuro dos tres campus. Nesta liña, apuntou que estes fondos permitirán a posta en marcha da nova Escola de Enxeñaría Aeroespacial, algo que, ademais,  vai permitir facer unha remodelación completa do campus de Ourense. A idea, segundo adiantou Reigosa, é que todo o campus saque vantaxe deste novo edificio e que Ourense se converta en exemplo de campus sostible, lembrando neste sentido, o importante esforzo de investimento realizado neste campus en enerxías renovables.

No caso de Pontevedra, o reitor fixo fincapé en que con estes fondos do Plan de infraestruturas se sufragarán diferentes estudos que permitan “ofrecer luz sobre como debe ser ese campus do futuro”, de maneira que se poidan emprender as accións necesarias para levar a cabo unha “reordenación dos espazos, que sexa sostible e que teña o pensamento posto nese futuro”. 

En referencia ao campus de Vigo, o reitor indicou que xa se empezou a traballar “grazas a unha achega previa da Consellería”, pero agora grazas á sinatura deste plan se seguirá a avanzar con respecto ao Campus da ETEA, “o que nos vai permitir ter unha presenza na cidade que, ademais, vai estar ligada á investigación en temas mariños e á Facultade de Ciencias do Mar”.

Con respecto ao tema de dixitalización, Reigosa non dubidou en admitir que se trata “dun tren no que había que subirse” e, neste sentido, considerou que as universidades galegas están a facelo “moi ben”.  A universidade do futuro será dixital e, polo tanto, “estas achegas permítennos ás universidades galegas estar na primeira ringleira desa canle de futuro para que as universidades galegas sexan moi visibles e teñan facilitados todos os servizos cara a cidadanía”.