DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentación do proxecto ‘Mulleres universitarias galegas durante o franquismo’

Universitarias galegas que desafiaron os límites da ditadura lembran a súa loita

No acto catedráticas e profesoras relataron a súa experiencia como estudantes e docentes da época

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 22/11/2011

Na actualidade nas universidades españolas hai un maior número de mulleres que de homes, situación que en parte se debe ao espírito de loita de universitarias que decidiron enfrontarse aos convencionalismos imperantes a mediados de século XX. Co obxectivo de recoñecer o seu esforzo e darlles visibilidade, nace o proxecto interuniversitario Mulleres universitarias galegas durante o franquismo da man dos investigadores Victoria Martins e Ángel Rodríguez Gallardo, Anna Amorós e Lourdes Lorenzo, unha iniciativa que se converterá no primeiro fondo audiovisual biográfico que recolla o testemuño destas mulleres a través de 25 entrevistas a universitarias que aínda viven. O estudo, no que colaboran as unidades de igualdade das tres universidades galegas e que comezará a rodar en 2012 ten o obxectivo, segundo explicou Martins de buscar "un coñecemento máis rigoroso de aquelas representantes de diferentes sectores profesionais que foron promotoras de reivindicacións democráticas en aquel período de represión”.Como adianto do proxecto, celebrouse unha mesa redonda na que docentes do mundo universitario de longo percorrido como Inmaculada Paz Andrade ou Camiño Noia Campos, relataron as súas experiencias como estudantes, docentes e investigadoras durante a ditadura.

Labor de recuperación histórica

No acto de presentación do proxecto que se desenvolveu na Casa das Campás, Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra, sinalou a importancia deste tipo de iniciativas “que iluminan e visibilizan logros que estaban escondidos de mulleres que daquela foron á universidade e loitaron polos seus dereitos”. Esta idea foi reforzada por Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, que salientou a necesidade deste labor de recuperación de memoria histórica, “contando cun fondo audiovisual que recolla esas experiencias de mulleres que tiveron que contar con permisos especiais para poder matricularse nunha carreira”. A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación participa activamente no proxecto, brindando apoio técnico e loxístico, polo que o seu decano, Juan Corbacho, amosou o compromiso do centro co estudo, “xa que nestes tempos que corren resulta fundamental dispor dunha memoria histórica que amose que a vida non foi tan doada como o é agora”.

O estudo comezará a rodar en 2012 coa realización das 25 entrevistas a distintas mulleres universitarias galegas da época, nacidas preferentemente nas décadas dos anos 20 e 30 do século XX, “aínda que tamén se inclúen franxas de idade superior para reflectir a evolución dese período, se é que a houbo”, explicou Martins. Serán declaracións procedentes de distintas áreas de coñecemento e profesións, que, tras ser gravadas, tamén serán transcritas e traducidas, “presentando ademais do arquivo audiovisual fondos documentais e gráficos, como prensa e fotografías”, engadiu a investigadora.

“Non estudes medicina que as señoritas non aprenden esas cousas”

Trala presentación do proxecto, a Casa das Campás acolleu unha mesa redonda na que Imaculada Paz Andrade, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, Tarsy Carballas Fernández, profesora de investigación do CSIC, Camiño Noia Campos, catedrática de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Vigo e a profesora Mari Lires, contaron as súas experiencias e vivenzas como alumnas, docentes e investigadoras universitarias de aquela época. “Era finais dos anos 40 e quería cursar Medicina, pero miña nai comentoume que as señoritas non estudaban esas cousas, polo que me matriculei en Ciencias Químicas na Universidade de Santiago”, relatou Paz Andrade, primeira docente universitaria de Santiago. Explicou que no ano 1955 rematou os seus estudos, “unha época na que non había laboratorios de prácticas, na que non te podías achegar ao profesor, e na que non querían mulleres docentes. Cando entrei no 56, cambiei todo iso”, lembrou a catedrática.

Das revolucións estudantís do 68 falou Mari Lires, que tamén foi estudante de Química na Universidade de Santiago, “unha titulación que agora ten un 75% de presenza feminina, pero na que daquela soamente eramos 20 entre 100 homes”, aclarou Lires. Confesou que estudou grazas ao apoio da súa nai e afondou no papel das mulleres nas protestas estudantís, “pois centos de universitarias estabamos facendo o mesmo labor que os compañeiros, tirando panfletos, participando nas manifestacións… salvo a función de liderado público, que a asumían os homes”, declarou. Confesou que nun principio abandonou a súa tese por unha cuestión de xénero, “xa que o profesor me esixía máis que outros estudantes”. Tarsy Carballas, que leva máis de 50 anos como investigadora do CSIC, rememorou ás dificultades que tivo que superar para seguir estudando tras rematar a escola, pois, como salientou, era unha nena de unha aldea pequena, “polo que con 10 anos había que abandonar o fogar para ir cursar o bacharelato á cidade”.