DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os xogadores que adestra Javier Pérez enfrontan agora a fase de ascenso

O Universitario Campus de Ourense, oficialmente campión de liga

O seu obxectivo é conseguir un dos pases á primeira división nacional

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 11/04/2011
O Universitario Campus Ourense xa é oficialmente campión da Liga da Federación Galega de Baloncesto Sénior Masculina Grupo Sur. Despois dunha excelente tempada, o equipo que dirixe Javier Pérez xogou este sábado o último partido de competición regular contra o Xuven, ao que gañou por un resultado final de 60-72. Con este bo sabor de boca, os ourensáns prepáranse xa para os partidos de ascenso á Primeira División Nacional, que se celebrarán a fin de semana do 29 de abril.

“O último partido da tempada transcorreu dentro da tónica dos últimos encontros. O noso obxectivo era preparar a fase de ascenso e o equipo contrario intentaba pechar dignamente a tempada xogando contra o líder” explica o adestrador do Universitario Campus Ourense. Tralo encontro, os ourensáns acadaban oficialmente o título de campións da súa categoría, seguidos en segundo lugar polo CB Allariz e en terceiro lugar polo Marín Peixegalego. Dentro de dúas semanas, os días 29 e 30 de abril e 1 de maio, os ourensáns pelexarán no seu campo por conseguir un dos dous postos de ascenso á Primeira Nacional. Para acadalo terán que enfrontarse ao CB Allariz e aos dous equipos gañadores da mesma liga do Grupo Norte.

Con esta vitoria no último encontro de liga, Javier Pérez salienta que se acada da mellor maneira posible o obxectivo que se marcou o seu equipo ao principio de tempada de xogar o ascenso. “Levamos todo o ano traballando pensando nesta fase de ascenso e temos que estar á altura das expectativas como o fixemos ata o de agora” apunta o adestrador. O equipo ourensán quere deste xeito recuperar un posto na Primeira División Nacional, de onde descendeu hai tres anos e ás portas da cal quedou a tempada pasada.

Últimos encontros

Estes excelente resultados únense aos acadados polas xogadoras de baloncesto feminino sénior do campus, que remataron a pasada semana a súa competición cun destacado cuarto posto, tralo Celta Baiona NovaCaixaGalicia, o CB Arxil e o Canteiras. Con este resultado final, o equipo adestrado por Roberto Rapela cumpre tamén as expectativas que se marcaron a principios de tempada de situarse mediada a táboa.

Polo que respecta aos júnior, o Campus Ourense Branco Amor xogou este domingo contra o Gayolo Begacar, acadando un resultado final de 36-68. Con esta clara vitoria, os xogadores que adestra Rubén Cortón sitúanse segundos na súa categoría, tralo Marín Peixegalego, e agardan o último partido de liga a vindeira fin de semana contra o BCA.