DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Obradoiro de Mobilidade remata a pé de estrada co destacamento de Ourense

De universitarios a axentes de Tráfico con radar por unhas horas

O obxectivo da iniciativa foi concienciar aos estudantes da importancia de respectar a velocidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 05/05/2011
Na estrada de Trives, a que divide o campus de Ourense, o xoves colocáronse dous radares da Garda Civil de Tráfico moi especiais. A súa función non foi multar aos vehículos con exceso de velocidade, a súa función foi amosar a unha ducia de universitarios o traballo que realizan os axentes de Tráfico e conciencialos de que a velocidade é a principal causa dos accidentes e dos mortos ao volante. Para conseguir este obxectivo, nada mellor que levalos a pé de estrada e polos durante unhas horas na pel dun Garda Civil de Tráfico.

A iniciativa pechou o Obradoiro de Mobilidade que este cuadrimestre organizou o Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense coa colaboración da Asociación P(A)T, de prevención de accidentes. Angélica Ferro, responsable do Gabinete, salienta que o Obradoiro permitiu a unha ducia de estudantes achegarse aos factores de risco na mobilidade, como son o alcol, a velocidade ou a educación viaria. Para pechalo, explica, propuxeron a actividade co radar “co obxectivo de reflexionar sobre os accidentes desde unha perspectiva práctica. Tamén queríamos achegar aos rapaces ao papel da Garda Civil, amosarlles as persoas que hai detrás dela, e ver a utilidade das medidas sancionadoras”.

As persoas que hai detrás do radar nesta ocasión foron os axentes David Gil, Roberto Rodríguez e Miguel Solera, tres dos seis axentes do destacamento de Tráfico de Ourense, que cobren toda a provincia excepto a zona de Verín. Eles foron os encargados de amosarlles aos estudantes como funcionan os dous tipos de radares que teñen. Un radar por ondas, o que vai nos coches camuflados, e un radar por láser, que son os máis habituais en autovías e autopistas pois requiren da instalación fóra do vehículo do aparello.

Moita satisfacción

Con estes radares en marcha e sen afán sancionador, os participantes no Obradoiro dispuxéronse a medir a velocidade dos vehículos que pasaban pola estrada de Trives. O primeiro infractor, medido co radar de ondas, foi un coche de autoescola que ía a 79 quilómetros por hora cando o límite máximo nesa vía é de 50. Despois do radar de ondas viñeron as probas co radar de láser. Dado que un grupo de tres Gardas Civís e unha ducia de persoas con chaleco reflectinte non pasa desapercibido, os vehículos procuraban reducir a súa velocidade a medida que se achegaban ao posto, aínda que había quen mantiña o exceso de velocidade. E como todo é pórse no papel do outro, aos participantes na experiencia acaboulles dando rabia cada vez que se lles escapaba do radar algún vehículo con moita velocidade.

Os asistentes tamén aproveitaron a ocasión para preguntarlles de primeira man aos axentes sobre as marxes aproximadas de velocidade a partir das cales multan. Os axentes explicáronlles que para contrarrestar os erros técnicos dos radares hai certo marxe pero, en todo caso, insistíronlles na necesidade de cumprir as limitacións de velocidade non por evitar as multas senón por garantir a súa seguridade e a dos demais. Sobre os casos máis destacados de exceso de velocidade que sancionaron, explicaron que foron un vehículo que ía a 240 quilómetros por hora e outro que ía a 221.

O resultado da experiencia, moi satisfactoria para todos. O axente Rodríguez salientaba “a importancia de realizar actividades de divulgación coma esta, porque a menos velocidade, menos accidentes e menos mortos e menos feridos”. Maxi Cid, presidente da Asociación P(A)T, destacaba “a importancia de concienciar ás persoas destes tramos de idade da necesidade de respectar a velocidade e de achegalas ao papel dos axentes de Tráfico”. E os participantes, como Marcos Loureiro, moi satisfeitos, “porque coñeces aos axentes e o seu traballo, ves os aparellos que empregan e faste máis consciente da importancia de respectar a velocidade”.