DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Seis poñentes debaten cuestións como a salarial, a incapacidade temporal e o absentismo laboral

Universitarios e empresarios analizan nunhas xornadas os riscos aos que se enfronta o sector empresarial

O vicerreitor Juan Francisco Gálvez apuntou que o campus deixa na provincia máis de trinta millóns d

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 18/11/2009
Conservar a competitividade e o emprego é un dos retos aos que se enfrontan cada día os empresarios e os traballadores. E máis nun momento como o actual, marcado por unha situación de crise económica. Plantexar algunhas das problemáticas que preocupan ao sector empresarial e que afectan á súa competitividade e ao emprego é, precisamente, o obxectivo das xornadas sobre Cuestións laborais e de seguridade social de actualidade que se están a celebrar na Confederación Empresarial de Ourense –CEO-. Durante dous días, seis poñentes intentarán dar resposta a unha serie de temáticas que suscitan incertidumes nas empresas, como é o caso dos temas salariais ou o absentismo laboral. “Un elevado nivel de absentismo repercute negativamente na organización do traballo, ademais do seu elevado custe”, declarou Emilio Rial, vicepresidente da CEO, no acto inaugural das xornadas. Rial subliñou a importancia da iniciativa para os empresarios e os responsables de recursos humanos das empresas, “que deben coñecer a fondo as ferramentas coas que poden optimizar a xestión do seu persoal”, declarou.
A inauguración das xornadas contou tamén coa presenza de Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito, que subliñou a cooperación que se está a dar entre a Universidade de Vigo e a CEO “por ser esta unha institución que trata de integrar aos alumnos na vida laboral e que contribúe a reciclar os coñecementos de empresarios e traballadores”.

O campus de Ourense deixa máis de trinta millóns de euros na provincia

O vicerreitor do campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez, puxo enriba da mesa un dato importante, ao revelar que “o campus deixa na provincia máis de trinta millóns de euros”. A institución constitúese, xa que logo, nun importante motor académico, cultural e, por suposto, económico, cun crecemento exponencial en I+D coas empresas do entorno. E sinalou a colaboración coa CEO como un dos piares que fan posible esta expansión.
A situación xeográfica da provincia de Ourense está marcada pola súa proximidade con Portugal, o que xera unha moi particular realidade social e económica que se caracteriza por un constante fluxo de persoas, capitais e intereses a un e a outro lado da fronteira. Francisco Javier Gárate, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Santiago, analizou, na conferencia inaugural das xornadas, as repercusións xurídicas derivadas dos desprazamentos temporais de traballadores para realizar unha prestación de servizos encomendada á súa empresa empregadora e tamén os dereitos e obrigas dos traballadores e empresarios protagonistas da mobilidade.
Outra das cuestións analizadas na primeira xornada do evento foi o descolgue salarial, que permite ás empresas non aplicar o réxime salarial previsto no convenio colectivo cando a súa estabilidade económica poida verse danada como consecuencia da súa aplicación. Nesta ocasión, o poñente foi Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo.

Como combater o absentismo laboral e medidas de prevención do mesmo

A segunda das xornadas vai estar dedicada á incapacidade temporal, con ponencias como a de Marta Fernández, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, que falará sobre o absentismo na incapacidade temporal. Segundo explica a poñente, o absentismo laboral, entendido como falta de asistencia do traballador ao seu centro de traballo, é un fenómeno que se intensificou nos últimos anos, aínda que se recoñece un certo descenso coa crise. “Na ponencia preténdese afrontar o problema do absentismo dende unha perspectiva integral, que analice, non só as medidas que a normativa ofrece para combater o absentismo, se non tamén medidas de prevención do mesmo”, declara.
Ademais de profesores universitarios, nas xornadas interveñen tamén poñentes como Teresa Conde-Pumpido, presidenta do Consello Consultivo de Galicia, Pedro Rabanal, maxistrado do Xulgado do Social nº 3 de Lugo e Andrés Trillo, xefe da Asesoría Xurídica Central do Instituto Nacional da Seguridade Social.