DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso ata o xoves na Facultade de Ciencias

Urbanismo, vivenda e medio ambiente asócianse para lograr unha cidade máis sustentable

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 15/12/2008

A interrelación de urbanismo, vivenda e medio ambiente, elementos socioeconómicos de gran magnitude na nosa sociedade, é fundamental para obter a sustentabilidade que garanta o noso futuro. Ante a falta de información e, moitas veces de concienciación neste terreo, a Facultade de Ciencias xunto coa Federación de Asociacións de Veciños Limiar e co patrocinio do Concello de Ourense, inaugurou este luns as I Xornadas de urbanismo, vivenda e medio ambiente.
Para Juan Carlos Mejuto, decano da Facultade de Ciencias, este curso “representa unha opción complementaria de formación nun campo onde a concienciación é fundamental”. A programación das xornadas aborda o medio ambiente entendido do xeito máis amplo, “non só como medio natural senón observando o que conleva a dinámica do ser humano neste aspecto”, xa que “é tan importante unha boa xestión urbanística como calquera política de protección de zonas”, precisou o decano. Hoxe en día o urbanismo presenta unha serie de opcións respecto a eficiencia enerxética e a novos materias de construción que “implican a reducción de CO2, de consumo enerxético e, por tanto, tradúcense en protección do medio ambiente a nivel global”, concluíu Mejuto.
“O urbanismo e a vivenda non se poden esquecer no seu desenvolvemento dos elementos que compoñen os ecosistemas, a biodiversidade e a paisaxe”, afirmou María Devesa, concelleira de Participación Cidadá. A través dos distintos relatorios “tratarase de informar e educar aos estudantes e veciños na sustentabilidade”, dixo Devesa. A concelleira concluíu agardando que “estas xornadas sexan frutíferas e proveitosas para todos os asistentes”.
Pola súa banda, Remigio González, presidente da Federación de Asociacións de Veciños Limiar, destacou a calidade dos relatores “que se amosaron encantados de participar sen agardar nada a cambio”. González subliñou tamén a importancia “de ver caras de xente nova nestes actos”, xa que iso significará que “esta acción terá continuidade e futuro, que a sociedade se preocupa pola súa calidade de vida e por lograr a mellor cidade posible”.
Pola súa banda, Camilo Isaac Ocampo, subdelegado do Goberno de Ourense, afirmou que este curso “agacha contidos que deben formar parte da educación integral das persoas”. O subdelegado, encargado de pechar o acto de inauguración, destacou que estas I Xornadas de urbanismo, vivenda e medio ambiente “permitirán a adquisición de competencias sobre temas que os estudantes non teñen a posibilidade de abordar nas súas especialidades”.

Novas políticas ambientais

Novas políticas ambientais foi o título da primeira conferencia destas xornadas que rematarán o venres día 19. Demetrio Espinosa, concelleiro de Medio Ambiente, foi quen explicou cales son os obxectivos do Concello de Ourense para o futuro da cidade no plano ambiental. Na actualidade traballan en catro campos fundamentais, “o paisaxismo urbano e zonas verdes; a calidade ambiental e a eficiencia enerxética; o ciclo integral da auga nos servizos de limpeza e xestión de residuos”, explicou Espinosa. Ata o de agora existía no Concello unha estrutura de Medio Ambiente “obsoleta que non acadaba os obxectivos nin se baseaba nuns mínimos criterios técnicos”, indicou o concelleiro. Unha praxe ambiental marcada por “un nefasto desenvolvemento urbanístico e políticas ambientais populísticas alonxáronnos de criterios coherentes”. Para Espinosa o importante en medio ambiente neste século “non é o número de xardíns que teñamos senón a calidade do que bebemos e respiramos”. Por iso, o concelleiro, pretende facer de Ourense un referente medio ambiental “xerando emprego verde, impulsando o futuro Centro de Interpretación de Parques Naturais e dinamizando as zonas do cauce e ribeireñas da cidade entre outras actuacións”.