DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolvido polos irmáns Plácido José e Florentino Míguez Durán

A USC premia un proxecto de enxeñeiros vigueses para a fabricación de furgóns eléctricos

No XII Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da Universidade de Santiago de Compostela

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 27/09/2011
O proxecto para a fabricación de furgóns ou vehículos eléctricos lixeiros para uso profesional, valeulles aos enxeñeiros industriais da Universidade de Vigo, Plácido José e Florentino Míguez Durán un dos cinco galardóns do XII Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da Universidade de Santiago de Compostela. Dotado con 600 euros, o premio dos irmáns Míguez Durán, súmase a outros catro proxectos presentados por emprendedores e emprendedoras das facultades de Bioloxía e Ciencias Políticas da USC, centrados no cultivo de cogomelos sobre substrato de pousos de café; a elaboración de vinagre balsámico; o desenvolvemento dun software de rastreo documental e na aprendizaxe a través do xogo cun programa de ordenador.

Un total de 241 ideas presentáronse á convocatoria na que o xurado presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Francisco González, valorou a viabilidade empresarial, o carácter innovador, o grao de madurez, o mercado e a aplicación de políticas de igualdade. Ademais do premio en metálico os e as gañadoras poderán realizar un seminario de formación de planificación empresarial para converter as súas ideas en proxectos empresariais.

Vehículos eléctricos de uso profesional con alto valor engadido

A ausencia no mercado de vehículo eléctricos coas características que presenta o deseñado polos enxeñeiros vigueses, foi determinante na elección do proxecto dos irmáns Míguez Durán como un dos premiados no XII Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC. A proposta de Plácido José e Florentino pasa pola fabricación de furgóns ou vehículos eléctricos lixeiros de uso profesional equipados con elementos tecnolóxicos, técnicos e de deseño que lle acheguen valor engadido ao produto final. Sistema de tracción eléctrica, deseño exterior, capacidade para circular á velocidade máxima fixada en todo tipos de vías nun peso máximo autorizado de 1600 kg, son as características básicas do produto que sería construído coa industria que xa existe en Galicia. A comercialización realizaríase coa fórmula de renting aínda que sen descartar a formula de venda tradicional se así o demandase o cliente.

Presentación do plan industrial o pasado ano

Os irmáns Míguez Durán fundaron hai un ano a empresa Vehículos Eléctricos de Galicia coa finalidade de desenvolver un furgón comercial de baixo custo. O plan industrial presentado en outubro de 2010 no Foro de Iniciativas y Negocios do Círculo de Empresarios de Galicia-Club Financiero Vigo, contemplaba un volume de produción de 220 unidades en 2015, ano no que os beneficios da empresa acadarían os 450.000 euros. A demanda do vehículo con algo máis de 42 kilovatios de potencia e 190 quilómetros de autonomía e que podería acadar os 120km/h, realizaríase baixo pedido.