DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Docentes da Universidade e a Unidade de Igualdade publican un manual para evitar prácticas sexistas

O uso da linguaxe inclusiva non é unha opción persoal

A guía recolle exemplos tirados de diversos contextos académicos

Etiquetas
  • Vigo
DUVI 31/10/2012
Vigo
A utilización de expresións como “os alumnos”, “os investigadores”, “os traballadores”, “os directores” ou “os funcionarios” para referirse a colectivos nos que están presentes mulleres e homes, son exemplos que “constatan usos lingüísticos que adoitan representar as relacións sociais entre mulleres e homes de acordo a estereotipos sexistas, ademais de invisibilizar ás mulleres no plano gramatical”. Quen así se expresan son as autoras do Manual de Linguaxe inclusiva no ámbito universitario, Ana Bringas, Olga Castro, María Jesús Fariña, Belén Martín e Beatriz Suárez que asumiron a encomenda da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo de elaborar unha publicación que establece pautas para o emprego dunha linguaxe inclusiva na institución académica viguesa e “atinxe a todo o seu persoal docente e investigador, de administración, órganos de goberno, áreas de comunicación e imaxe, servizos, unidades, centros e departamentos”, explican as autoras.

A guía coa que tamén se trata de desenvolver principios asumidos no Plan Estratéxico da Universidade de Vigo cara á consecución dunha igualdade efectiva entre mulleres e homes, súmase a publicacións para un uso non sexista da linguaxe que teñen elaborado outras institucións, entre elas varias universidades. No caso da Universidade de Vigo as autoras do manual confirman que dende a Unidade de Igualdade coordinouse unha revisión sistemática da documentación institucional e impartiuse en colaboración coa Área de Normalización Lingüística, unha acción formativa dirixida ao persoal de administración e servizos para avanzar no emprego dunha linguaxe inclusiva, “pero con resultados desiguais”. Partindo da idea de que o uso da linguaxe non sexista “ten que ver coa conciencia e a crenza na igualdade” as autoras do manual reivindican que “se asuma por toda a comunidade universitaria como a forma habitual de relacionarse dentro da institución. Non é unha cuestión de opinións é un mandato legal”.

Cambios gramaticais e léxicos necesarios

O manual que ao longo de 50 páxinas debulla os motivos da súa elaboración, así como conceptos básicos sobre xénero, sexismo lingüístico ou linguaxe inclusiva, dedica máis da metade do seu contido a achegar propostas prácticas, estratexias e exemplos de linguaxe non sexista aplicada ao ámbito universitario. Precisamente a profusión de exemplos reais tirados de diversos contextos académicos é un dos sinais de identidade do Manual de Linguaxe inclusiva no ámbito universitario, cuxas autoras sosteñen que “as guía de recomendacións para un uso non sexista da linguaxe non conculcan normas. Propoñen, dentro das posibilidades que as linguas ofrecen (que son diversas) aquelas que visibilizan os homes e mulleres e aquelas que evitan a perpetuación de roles e visións despectivas dos suxeitos femininos”.

Afondando nesta idea e a raíz da polémica xerada hai uns meses pola publicación do informe Sexismo lingüístico y visibilidad de la mujer no que o académico Ignacio del Bosque criticaba unha decena de guías de linguaxe non sexista por contravenir as normas da Real Academia Española e a Asociación de Academias, as autoras do manual da Universidade de Vigo, reivindican o carácter mudable das linguas “porque son sistemas construídos e abertos, por principio e de non ser así, serían un corsé e a imposición dogmática dunha estrutura inservible para as necesidades de comunicación creadas por novos modos e concepcións de vida”. De aí que Bringas, Castro, Fariña, Martín e Suárez, defendan a lexitimidade de “mover aspectos gramaticais e léxicos firmemente asentados no noso sistema lingüístico” para garantir o uso dunha linguaxe inclusiva, ao tempo que lamentan “a resistencia e as respostas airadas dos académicos ao uso dunha linguaxe inclusiva”, actitude que proba, segundo as docentes “que sobre ningunha outra cuestión emiten informes ou manifestacións tan hostís”.

A educación, peza clave

Pero se a capacidade de mudar das linguas é importante, non o é menos para as autoras do manual, a educación, que cualifican de “peza clave para conseguir o mellor resultado”. Educación da que forma parte, explican, “que as institucións públicas, academias incluídas que reciben fondos públicos, de acordo coas normas vixentes, estean na vangarda dun uso non sexista la linguaxe”. Lembran ademais que as linguas son institucións sociais e instrumentos básicos de comunicación que transmiten unha concepción do mundo, dos suxeitos e das súas relacións, “unha cuestión tan obvia que está recollida en todas as normas e leis promulgadas con vistas á consecución real da igualdade. Pero falta o paso dende os textos normativos á práctica”.

Os órganos de goberno, todos os servizos, centros e departamentos da Universidade serán os destinatarios deste manual que estará a disposición de toda a comunidade académica en formato electrónico a través da páxina web da Universidade, desde onde poderá ser igualmente consultado por órganos e institucións externas ás que lle poida resultar de interese.