DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sete rapaces fórmanse na terceira edición desta actividade, recuperada tras dous anos de parón

Usuarias e usuarios de Down Xuntos participan no campus nun taller que fai da música unha ferramenta para a inclusión

Coa participación de alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Música
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 25/04/2022

Despois de que a pandemia obrigase a dous anos de parón, o campus recupera unha actividade que fai da música unha ferramenta para a inclusión, un taller de educación musical dirixido a usuarios e usuarias da etapa educativa de Down Pontevedra Xuntos. Sete mozos e mozas, con idades que van dos dez aos 21 anos, participan desde o mes de marzo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte nunha iniciativa dirixida “a contribuír dende a educación musical á inclusión nas aulas do alumnado con discapacidade intelectual”, como explican os seus responsables. Promovido pola Vicerreitoría do campus coa colaboración da Concellería de Promoción Económica e Universidades, así como do profesor Marco Lucato, trátase dunha actividade que ten como docente á licenciada en Educación, na especialidade de Educación Musical, pola Universidade La Habana Marlene Armentero. Así mesmo, a actividade sumará ás súas próximas sesións a colaboración de estudantes desta facultade, que poderán vivir unha experiencia de traballo con mozos e mozas coa Síndrome de Down.

Cinco das e os participantes neste obradoiro xa participaran de feito nas edicións que se levaron a cabo en 2018 e 2019 dunha actividade dirixida a achegarlles unhas primeiras nocións de linguaxe musical á vez que desenvolven actividades centradas no desenvolvemento motriz e auditivo. Ata o mes de xuño levaranse a cabo nesta facultade as diferentes sesións dunha actividade na que colaboran tamén as estudantes que actualmente realizan prácticas en Down Xuntos. “É importante que tanto a Universidade como entidades como a nosa creemos sinerxías e esteamos coordinados para que os futuros profesionais da educación conten con ferramentas axeitadas que lles axuden a ofrecer unha resposta pedagóxica adaptada a cada alumno, respectando os ritmos de aprendizaxe de cada quen co fin de atender con eficacia a un alumnado heteroxéneo”, destacan desde esta asociación.

Unha convivencia que permitirá acadar aulas máis inclusivas

Na súa sesión do pasado xoves, este grupo de catro rapazas e tres rapaces e as súas familias mantiveron un encontro co vicerreitor do campus, Jorge Soto, a concelleira de Promoción Económica e Universidades, Yoya Blanco; o edil de Benestar Social, Marcos Rey; e o presidente de Down Pontevedra Xuntos, Manuel Pérez Cabo. “Entendemos que este tipo de actividades son fundamentais para os alumnos e alumnas da facultade, que dentro de pouco estarán nas aulas e teñen que entender que a vida educativa ten que ver con diferentes tipos de aprendizaxes, que están todos nun mesmo contexto, que pasan por aprender a traballar conxuntamente, a entenderse os uns cos outros”, salientou Soto, que destacou que “a inclusión ten que empezar por darlle normalidade a cousas que son normais”. 

“Para nós é moi importante esta convivencia entre os nosos usuarios e usuarias e os futuros profesores, que teñen un primeiro contacto coa diversidade que se van atopar logo nas aulas”, engadiu Pérez Cabo, que lembrou que a maior parte das e os asistentes repiten participación neste taller, “o cal quere dicir que a cousa funciona”. De aí que a concelleira de Promoción Económica destacase este obradoiro como “un exemplo do que é un traballo inclusivo”, como unha actividade que representa ao seu xuízo a idea dun “modelo de cidade”, que vai “moito máis aló dunha cuestión urbanística” e que debe pasar “por unha cidade mellor, máis feliz e inclusiva”. Nese mesmo senso, Rey felicitou tanto a Down Xuntos como á Vicerreitoría polo proxecto e amosou a súa vontade de “colaborar máis activamente coa Universidade, para traballar todos en conxunto en que a integración pase a ser igualdade”. 

Un grupo motivado que se inicia na linguaxe musical

Estruturado en doce sesións, o propósito deste taller é ofrecer a este grupo de rapazas e rapaces “un achegamento á música desde a igualdade de oportunidades, favorecer que desenvolvan unha educación musical adaptada ás súas capacidades e necesidades individuais”, salientou Armentero. Trátase, explica, dun curso estruturado en tres bloques; “un de elementos básicos da linguaxe musical, que estamos reforzando este curso, outro de desenvolvemento motriz e un terceiro de desenvolvemento auditivo”. Nos tres casos, engloba diferentes actividades que “combinan a música coa pintura, a lectura ou as matemáticas” e que toman como referencia o caderno Mi, Re, Do, que Armentero deseñou inicialmente “para a ensinanza musical en idades temperás”, para logo tamén levalo ao traballo con nenos e nenas con discapacidade intelectual, “cos que me estou a levar unha moi grata sorpresa”. Nese senso, alén da motivación dos participantes, destaca como as primeiras semanas do taller permitíronlle constatar a evolución dos rapaces e rapazas que xa participaran nas edicións anteriores, “cos que podemos ir un pouco máis aló” e tratar de “potenciar o seu coñecemento dos elementos básicos da linguaxe musical”.