DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EE de Telecomunicación centraliza os actos do Día da liberdade dos documentos

Usuarios e empresas demandan máis implicación das administracións a prol do software libre

Destacan a importancia de gardar os documentos dixitais en formatos libres e abertos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 30/03/2011
O uso cada vez máis estendido de documentos dixitais destapa tamén unha realidade de escollos que aínda quedan por salvar para que estes ficheiros sexan seguros, intercambiables e sobre todo, libres dos monopolios. Co uso do papel relegado xa a un segundo termo, usuarios e empresas demanda un estándar que permita unificar os formatos de xeito que sexan universais, intercambiables e libres de monopolios. A resposta é o software libre, estándares abertos e libres que aseguran a conservación dos documentos que empregamos “dun xeito democrático” independentes de produtos de software privados. Esta demanda materialízase no Día da liberdade de documentos que se celebra este mércores e cuxo acto central se celebrou na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Nel, usuarios e empresas compartiron debate e reflexións e coincidiron en demandar máis implicación por parte das administracións públicas. “Antes eran os gobernos os que tiraban do carro do software libre, os que apoiaban o seu uso, pero agora son os usuarios, a cidadanía a que tira, a administración xa non innova, vai a remolque, e as universidades tamén”. Dende o seu punto de vista, e a pesar de ter xa moito camiño andado, precísase dunha clara implicación de todas as administracións para xeneralizar o uso de sistemas abertos e gratuítos, que permitan o intercambio de documentos sen as imposicións das empresas e dos seus software privados.

Discriminación e falta de democracia

Que pasaría se un teléfono dunha compañía só permitise comunicarse cos terminais desa mesma empresa? Impensables noutros produtos, esta é a realidade dos ficheiros electrónicos en plena era dixital e esa é a denuncia de usuarios, empresas, asociacións e oficinas de software libre que “loitan con paixón, ilusión, confianza e teimosía” segundo eles mesmos explican. Pero sen a implicación das administracións esta convértese nunha loita titánica e demandan “proactividade”, unha actitude que erradique a obriga de usar determinados formatos privativos para determinadas tarefas. Formatos libres de patentes e restricións legais e de balde, son a única garantía para unha verdadeira “democracia”. Con todo, non lles cabe dúbida de que “por lóxica e por calidade”, as ferramentas de software libre acabarán impoñéndose, segundo explica Roberto Brenlla, consultor en Tegnix, coordinador CRF ASOLIF (Federación Nacional de Empresas de Software Libre ) e un dos organizadores deste evento. O experto, que interveu nunha conferencia-debate sobre a idoneidade dos estándares abertos, recalca porén a necesidade dun imperativo legal. “As administracións deberían avogar por eles porque non impoñen restricións de formatos e evitan a discriminación dos usuarios de software libre”, explica ao tempo que lembra que, “se por imperativo legal deixamos de fumar” por imperativo legar deberían fomentar o uso de ferramentas abertas.

Un foro de debate multilateral

Neste Día da liberdade de documentos, este foro de debate reuniu a representantes de empresas, usuarios, responsables de oficinas de software libre como a da Universidade de Vigo, docentes da EE de Telecomunicación, alumnos e unha boa mostra dos colectivos máis implicados na defensa do software libre, como as asociacións universitarias GALPon, GULO e Trasno. A representación institucional correu a cargo do subdirector xeral de Infraestruturas e de Telecomunicación da Xunta de Galicia, Adrián Lence e da directora da escola, Edita de Lorenzo. Ao longo da xornada celebrouse unha mesa técnica entre empresas e administración e unha mesa redonda na que tomaron parte os representantes das empresas, das oficinas de software libre e dos grupos de usuarios de GNU/Linux galegos.

Paralelamente celebráronse actos en Lugo, Santiago ou Paterna pero tamén noutros moitos lugares do mundo unido en defensa da liberdade dos documentos.