DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As universidades de Vigo e de Trás-os-Montes e Alto Douro asinan un acordo de colaboración

A UTAD, primeiro aliado estratéxico e internacional do Campus da Auga

Entre os seus obxectivos estará xerar proxectos de investigación con financiamento europeo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 04/12/2012

“O acordo asinado hoxe coa Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro UTAD supón a primeira alianza estratéxica para o Campus da Auga. É o embrión do proceso de desenvolvemento internacional deste proxecto”. Deste xeito resumiu Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, a relevancia do acordo de colaboración que este martes asinou no campus de Ourense con Carlos Alberto Sequeira, reitor da UTAD. O obxectivo último do Campus da Auga é converterse nun polo científico e tecnolóxico de referencia no eido da auga no contexto europeo e principalmente na macorrexión do suroeste peninsular, un obxectivo que require, explicaron os seus promotores, a participación activa no desenvolvemento desta iniciativa de entidades públicas e privadas da contorna, como é neste caso a institución académica lusa.

Un paso importante para a macrorrexión

O convenio foi asinado no campus de Ourense por Salustiano Mato e Carlos Alberto Sequeira nun acto que contou tamén coa asistencia de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; João Batista, presidente da Cámara Municipal da cidade lusa de Chaves; João Manuel Barroso, vicerreitor de Innovación e Xestión da Información da UTAD; Carlos Assunçao, vicerreitor de Investigación e Cooperación da UTAD, e Antonio Jose Martins, vicerreitor para o Desenvolvemento e Internacionalización da UTAD. “A familia do Campus da Auga medra e hoxe xa somos un máis. Cando vaiamos a Estremadura, a Brasil ou á UE xa non iremos sos, acudiremos tamén coa Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e cunha masa crítica meirande e de calidade”, apuntou Salustiano Mato.

“As universidades teñen a responsabilidade social de abrirse e de ser competitivas nun mundo globalizado. A Universidade de Vigo é paradigmática na apertura a Europa, como amosa o proxecto do Campus do Mar, e este acordo abre novos retos e perspectivas fronte a crise, principalmente para o noso campus de Chaves”, destacou o reitor da UTAD. Incidindo na importancia deste acordo, o presidente da Cámara Municipal de Chaves quixo salientar o feito de que este proxecto permitirá “visibilizar” un recurso natural como é a auga nunha macorrexión que, destacou, é líder en augas minerais termais en Europa. “Este é un acto importante non só para as institucións asinantes, que compartirán coñecemento, senón tamén para os cidadáns e para as empresas da macorrexión”, subliñou João Batista.

O horizonte europeo de 2014

As universidades de Vigo e de Trás-os-Montes e Alto Douro, explicaron os seus responsables, comparten dende hai anos diversas iniciativas de investigación e de transferencia, a través de actividades contratadas, de proxectos e de acordos entre grupos de investigación con empresas e institucións. Co acordo asinado este martes, as dúas institucións académicas acordan agora fomentar accións que incentiven a especialización das universidades da Macrorrexión de Rexións do Suroeste Europeo e tendo presente a importancia da auga na economía, na sociedade e na cultura deste espazo.

Para acadalo, colaborarán no desenvolvemento de liñas de traballo conxunto no campo docente, investigador, de transferencia e de internacionalización, incidindo entre outras cuestión, na mobilidade de estudantes, de docentes e de investigadores; no fomento da formación interuniversitaria e da cultura emprendedora, no incremento da proxección exterior e principalmente na presentación de proxectos de investigación conxuntos que poidan captar fondos europeos para esta macrorrexión, fondos principalmente procedentes do próximo Programa Marco 2014-2020 Horizon 2020. “A pesar da crise, nós vamos a empezar a traballar xa tendo ese horizonte de 2014 na mente. Seguiremos apostando pola internacionalización e seguiremos internacionalizando a nosa Universidade dando pasos coma o que hoxe damos coa UTAD”, advertiu Salustiano Mato.