DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes celebrouse en Filoloxía e Tradución o acto de benvida

A UVigo acolle este cuadrimestre 278 estudantes estranxeiros de intercambio nas súas aulas

Proceden principalmente de Italia, Francia, México e Alemaña

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 31/01/2023

Italia, Francia, México e Alemaña son os principais países de procedencia dos 278 estudantes internacionais que completan a súa formación nas aulas da Universidade de Vigo no segundo cuadrimestre. Boa parte deles participaron este martes nun acto de benvida que lles ofreceu a institución académica na Facultade de Filoloxía e Tradución e no que recibiron información de utilidade sobre os servizos que lles ofrece a UVigo e as actividades que poden realizar durante a súa estadía. 

No acto deste martes, que se replicará mañá mércores en Ourense e o xoves en Pontevedra, a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, foi a encargada de saudar ás e aos novos alumnos e alumnas, acompañada por representantes da Oficina de Relacións Internacionais e da asociación Erasmus Student Network (ESN-Vigo), que presentaron a súa iniciativa de acompañamento e acollida para o alumnado internacional, o Buddy Program. Ademais, nesta xornada de benvida tamén puideron realizar un test de nivel para acceder ao curso de español que organiza o Centro de Linguas. A vicerreitora deulles as grazas por escoller a Universidade de Vigo e animounos a aproveitar ao máximo esta experiencia, tanto dende o punto de vista académico como persoal. “Non vos quededes na casa”, recalcaba, convidándoos a coñecer a cidade e contorna, as linguas, tanto español como galego, e a achegarse á cultura, á historia ou á música da súa terra de acollida.

555 alumnos internacionais en todo o curso

Destes 278 estudantes internacionais, 219 estarán nalgún dos tres campus da UVigo dende agora ata finais de curso, mentres que outros 59 xa chegaron no mes de setembro coa modalidade de curso completo. Deste xeito, sumado estes aos 277 mozos e mozas doutros países que elixiron a UVigo como destino no primeiro cuadrimestre, a institución acolle neste curso 2022/2023 a un total de 555 alumnos e alumnas de intercambio. Esta cifra é lixeiramente superior á do curso pasado, na que se recibiron en todo o ano 529 estudantes, e supera amplamente os 243 do curso 2020/2021, o que amosa que, paseniñamente, vaise avanzando cara uns datos de mobilidade pre-pandemia. “As cifran vanse recuperando e estamos contentos coa progresión, pero a nosa meta é ter máis mobilidades”, recoñecía Del Pozo. E é que a crise económica e a guerra de Ucraína, entre outros condicionantes, provocan que aínda queden lonxe os 713 estudantes estranxeiros que a Universidade de Vigo acolleu no curso 2018/2019, o último antes da covid-19. Con todo, como explica a vicerreitora, a internacionalización segue sendo unha prioridade para a UVigo e un dos eixos principais do Plan Estratéxico, sobre todo nun contexto no que redución da natalidade obriga a fixar a vista alén das fronteiras para a captación de alumnado, cos países latinoamericanos e lusófonos como principal obxectivo. “Pensamos que eses deben ser os nosos alcouves e aí debe ser a onde vaiamos buscar o noso alumnado, porque estes países comparten lingua e cultura e é todo moito máis sinxelo”. De feito este ano a UVigo xa participou en dúas feiras na Arxentina e no Brasil, como avanzaba a vicerreitora, “e imos seguir traballando para a captación, non só de estudantes de intercambio, senón tamén para alumnado que poida vir estudar a súa carreira na UVigo”. A este respecto, Del Pozo, tamén adiantou que as tres universidades galegas están traballando coa Xunta de Galicia “para flexibilizar os trámites burocráticos, que é o máis complicado e o que, ás veces, bota para atrás ao alumnado estranxeiro”. 

Italia, principal país de orixe

Como vén sendo habitual, os principais países de orixe do alumnado estranxeiro que recibe a UVigo son Italia (46) e Francia (39), seguidos de México (28) e Alemaña (26), destacando tamén a presenza de 21 estudantes de Polonia e 15 de Turquía e 11 de Chile. Atendendo ao xénero, as mulleres son maioría, 154 do total, fronte a 122 homes e dúas persoas non binarias.

Vigo segue sendo o campus máis internacional e nesta segunda parte do curso acolle 206 dos estudantes estranxeiros, mentres que Pontevedra recibe 38 e Ourense 34. O centro do campus Vigo que acolle máis estudantes internacionais segue a ser a Facultade de Filoloxía e Tradución, opción que escolleron 72 estudantes; seguido de Ciencias Económicas e Empresariais, con 43 e a Escola de Enxeñaría Industrial con 29. Por detrás están a Facultade de Comercio con 18 e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo con 15.

Por programas, 179 chegaron a Vigo, Ourense e Pontevedra a través dunha bolsa Erasmus, mentres que 86 optaron por facelo a través dalgún dos convenios bilaterais que a Universidade de Vigo ten asinados con outras institucións e outros catro como estudantes o fixeron no marco do programa ISEP con EEUU. A estes súmanse outros 9 que veñen para unha estadía de prácticas, ben dentro do programa Erasmus, ben con convenios bilaterais.