DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dunha xornada celebrada en Santiago de Compostela

UVigo e Agaca presentan SAVES, unha ferramenta de consulta dos datos socioeconómicos das cooperativas galegas

A novo asistente virtual comprende tres ferramentas: SAVES Agro, SAVES Emprende e SAVESCoop

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cooperación
  • Investigación
  • Institucional
DUVI 24/10/2023

A Universidade de Vigo e a Unión de Cooperativas Agaca presentaron este martes en Santiago a base de datos SAVES (Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social), unha ferramenta que permite consultar e comparar de forma sinxela e rápida datos socioeconómicos que as cooperativas galegas entregan a diversas fontes oficiais. O deseño e posta en marcha deste asistente enmárcase dentro dun proxecto levado a cabo por persoal investigador da Universidade de Vigo, co financiamento da Rede Eusumo e coa colaboración no subministro de datos do Rexistro de Cooperativas de Galicia e do equipo técnico de Agaca na análise de datos de resultados.

A presentación da nova plataforma, que comprende tres ferramentas diferentes (SAVES Agro, SAVES Emprende e SAVESCoop), correu a cargo da profesora da Universidade de Vigo María José Cabaleiro Casal e do xerente da Unión de Cooperativas Agaca, Higinio Mougán Bouzón, que estiveron acompañados no inicio da xornada pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo. A responsable autonómica reafirmou a defensa por parte da Xunta da economía social como “un modelo de emprendemento que achega emprego e autonomía e axuda a dinamizar o rural, asentar poboación e a crear emprego de calidade apegado ao territorio”. Rivo tamén lembrou que o Goberno galego está a deseñar una nova Estratexia de economía social e está a elaborar a nova Lei de Cooperativas, para o que será moi útil a nova ferramenta SAVES, xa que, en palabras de Rivo, permite coñecer claves económico-financeiras no ámbito do cooperativismo agrario.

SAVES Agro, SAVES Emprende e SAVESCoop

No marco de SAVES, a ferramenta SAVES Agro céntrase nas cifras do sector agroalimentario e nace do proxecto Informe SAVES das Cooperativas Agrarias Galegas. Ferramenta dixital de SAVES para o emprendemento cooperativo no sector agrario, desenvolvido pola Universidade de Vigo e Agaca e coordinado por María José Cabaleiro Casal e Carlos Iglesias Malvido (UVigo), Higinio Mougán Bouzón (Agaca). O seu obxectivo principal é potenciar a visibilización do movemento cooperativo en Galicia a través dunha ferramenta de acceso público que amosa a realidade das cifras do cooperativismo agrario galego. A plataforma comprende dúas funcións: por unha banda, as cifras básicas, que amosan os resultados para un grupo de estudo e, outra, un comparador, que permite confrontar un grupo de estudo cun grupo de referencia.

Outra das ferramentas que ofrece SAVES é o simulador SAVES Emprende, de especial interese para persoas que desexen emprender, xa que permite introducir as súas previsións económicas e comparalas coas cooperativas activas no mercado. SAVES Emprende foi coordinado polos profesores da UVigo María José Cabaleiro Casal e Carlos Iglesias Malvido e o a finalidade é dotar ás cooperativas ou persoas que desexen emprender unha ferramenta dixital que lles permita mellorar o seu plan de negocio. Como no caso de SavesAgro, tamén existen dúas funcións: as cifras básicas e o comparador. 

A terceira pata deste proxecto é SavesCoop, unha ferramenta que nace do proxecto de SavesEmprende. Previo rexistro, permite comparar os datos reais dunha cooperativa cos dun grupo de cooperativas de características similares. Isto facilita que a cooperativa teña unha referencia en relación cos indicadores da súa situación económica e financeira. 

Paralelamente, de estes proxectos tamén xurdiron tres informes. O primeiro recolle as cifras básicas do agrocooperativismo galego; o segundo, a presenza da muller no  agrocooperativismo galego e o terceiro é unha análise económico-financeira das cooperativas agrarias galegas.