DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O certame encádrase no marco das iniciativas da Rede Eusumo, impulsada pola Xunta de Galicia

UVigo e AJE-Pontevedra distinguen as catro mellores ideas de negocio da economía social

As propostas abranguen dende o medio ambiente ata a educación, a mobilidade e a saúde

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 19/07/2022

Un negocio de comercialización de prendas de roupa e complementos “artesáns, sostibles, de comercio xusto; un centro de educación infantil especializado en programas de apoio e reforzo asistido por diferentes animais; un proxecto que aposta pola inclusión de dispositivos de realidade aumentada na práctica deportiva e unha proposta que se centra na compravenda, alugueiro e reparacións de bicicletas usadas. Estas son as catro ideas de negocio que este martes se proclamaron gañadoras do concurso Crea Economía social, que impulsa a Vicerreitoría do campus de Pontevedra e Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra).

O obxectivo deste certame é promover que tanto as e os integrantes da comunidade universitaria como os emprendedores e emprendedoras apliquen os seus coñecementos e experiencia no desenvolvemento de “servizos e produtos que sexan viables economicamente e, á vez, socialmente útiles”.  A entrega dos galardóns contou coa presenza de María Jesús Lorenzana, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia; Eva María Lantarón, vicerreitora do campus de Pontevedra e Jesús Rey, presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra).

Na súa intervención, a conselleira destacou o trinomio formado pola empresa (AJE Pontevedra), a Universidade e a Xunta de Galicia “coa finalidade de fomentar o emprendemento entre os colectivos aos que chegan cada un deles”. Ademais, os representantes de ambas institucións recalcaron a importancia de poñer en marcha programas de emprendemento e de apostar por proxectos que levan anos de consolidación como o da Rede Eusumo, na que se enmarca esta actividade.

Lorenzana sinalou a importancia de apoiar ás persoas emprendedoras axudándoas a identificar ideas innovadoras e novidosas que se transformen en proxectos empresariais e, sobre a economía social, destacou as súas vantaxes por ser “unha fórmula solidaria, comprometida co emprego estable, inclusivo e de calidade que antepón os beneficios sociais e colectivos e que ten sempre presente a igualdade”.

Catro propostas premiadas, catro ideas de futuro

O concurso comprende catro premios e outros tantos accésits ás mellores ideas de negocio centradas en cada unha das catro áreas do Campus Crea: artes, comunicación e creatividade; educación, innovación social e xestión pública; deporte, saúde e benestar e medio ambiente e natureza. 

Na categoría de artes, comunicación e creatividade, o premio foi para Reutilización creativa (upcycling), un proxecto dos emprendedores Diana Pernas e Javier Casas, que pon o foco no problema ambiental que supoñen as toneladas de residuos téxtiles que se xeran cada ano en España. Fronte a este problemática, propoñen unha idea de negocio con tres vías, a comercialización de prendas de roupa e complementos “artesáns, sostibles, de comercio xusto, exclusivos, prácticos e orixinais”; a organización de obradoiros en institucións ou centros educativos e un “servizo creativo” dirixido que as empresas do sector poidan “dar saída a produtos en stock, actualizándoas con pequenos cambios”. 

Na modalidade de educación, innovación social e xestión pública, o xurado decidiu premiar Investigación e apoio con animais de compañía a nenos e nenas en educación infantil con necesidades especiais. Presentada polos emprendedores Susana Portela e Juan José Pousada, trátase da proposta dun “centro de educación infantil especializado en programas de apoio e reforzo asistido por diferentes animais”, como cans, aves ou burros, que permita ofrecer “unha axuda de atención temperá”, na etapa de educación infantil, a “nenos e nenas con necesidades especiais”.

Aberto tanto á emprendedores en xeral como á comunidade universitaria, o premio na categoría de deporte, saúde e benestar foi para un estudante do campus pontevedrés, David Hortas, polo seu proxecto GymGaming. A súa idea de negocio ten como punto de partida o uso de dispositivos de realidade aumentada, xa estendidos en ámbitos como o dos videoxogos, para promover a práctica deportiva dun “xeito estimulante” e propón levala a  cabo a través da creación de que, ao igual que os ximnasios, permitisen facer uso destes equipamentos mediante o pago dunha cota mensual. Nesta mesma categoría, a tamén estudante da UVigo Saray Rodríguez foi recoñecida cun accésit por Bee & Cow, a súa proposta de crear a primeira rede de máquinas expendedoras de comida vexetariana e vegana de Galicia, nas que se ofrecerían diferentes tipos de alimentos de orixe vexetal, desde ensaladas ou bocadillos a zumes naturais.

Por outra banda, o técnico de apoio á investigación da UVigo Marcos Ferro resultou merecedor do recoñecemento á mellor idea de emprendemento na área de medio ambiente e natureza. A súa proposta, Pontevedra Mobility Hub, ten como obxectivo a creación dunha “comunidade na que as persoas compartan os seus coñecementos mentres aprenden a pór a punto de forma autosuficiente vehículos de mobilidade individual”, a través da combinación da compravenda de bicicletas usadas, un servizo de alugueiro, a venda de recambios e accesorios e o alugueiro de espazos no que levar a cabo estas reparacións. Nesta mesma categoría, outorgouse tamén un accésit ao emprendedor José Manuel Vale polo H2GZ Pontealbar Trazo, un proxecto de “produción de enerxía de enerxía verde con base fotovoltaica e multiplicador de enerxía eléctrica mediante electrólise ou termólise”, que permita o seu almacenamento ou distribución,.

Para a selección das e dos gañadores, o xurado tivo en conta a orixinalidade e o carácter innovador da actividade proposta, así como o seu potencial para converterse nun proxecto empresarial e o seu nivel de desenvolvemento, o seu valor social e as súas posibles vantaxes competitivas no mercado. En cada categoría outorgouse un premio económico de 250 euros, así como os correspondentes accésits, consistente na cota de balde en AJE-Pontevedra durante 12 meses, período no que poderán beneficiarse de todos os servizos que ofrecen aos seus asociados.