DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves entregáronse os Premios Incuvi-Emprende e as axudas Incuvi-Avanza e Incuvi-Consolida

A UVigo alenta o nacemento de 14 novas iniciativas empresarias coas que axudar a “facer país”

Impulsadas por alumnado dos tres campus, tanto de grao, como de mestrado e doutoramento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Premios
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 01/02/2024

Son alumnas e alumnos dos tres campus, tanto de grao, como de mestrado e doutoramento, de ámbitos moi diversos, pero cunha característica común: o desexo de emprender e pór en marcha a súa propia iniciativa empresarial. A Universidade de Vigo celebrou este xoves no edificio Redeiras o acto de entrega da duodécima edición dos Premios Incuvi Emprende, da oitava edición das Axudas Incuvi Avanza e da cuarta edición de Incuvi Consolida, tres convocatorias coas que a institución académica viguesa, apoiada por unha ampla rede de patrocinadores e colaboradores, axuda a definir e pór en marcha as ideas empresariais que xorden das súas aulas e “coas que axudar a facer país”, tal e como lles subliñou o reitor, Manuel Reigosa, na entrega dos premios, unha intervención na que, ademais de darlles as grazas e os parabéns, lles pediu a súa axuda para “entre todos, axudar a debuxar un futuro mellor para Galicia, con máis empresas e máis emprego de calidade”.

Nesta ocasión entregáronse 14 axudas: dez Incuvi Emprende, para aquelas ideas que se atopan no seu nivel de desenvolvemento máis básico; tres Incuvi Avanza, para os proxectos que xa teñen certo nivel de maduración, e unha axuda Incuvi Consolida, pensada para aquelas iniciativas que, tras recibir as axudas anteriores,  poidan, definitivamente, validar a súa idea de negocio e chegar ao mercado. Segundo explicou a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, que conduciu o acto, nos 12 anos que levan en marcha os premios, beneficiáronse xa destas axudas arredor de 180 iniciativas: 144 con axudas Emprende, 32 con Avanza e 4 con Consolida. Trátase de seguir a tecer o “ecosistema de Emprendemento da UVigo”, unha rede que,  tal e como salientou Caparrini,  “non sería posible sen o apoio dos patrocinadores Incuvi: Banco Santander, Consorcio Zona Franca, Abanca, Autoridade Portuaria de Vigo, BBVA, CTAG e Xunta de Galicia”, aos que se engaden unha longa lista de colaboradores, “que fan posible que todo isto poida saír adiante”.

En nome dos patrocinadores contouse coa intervención de Ana Mejías, vocal sustituta do Delegado do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, e Carlos Botana, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo. Ambos recalcaron a importancia de seguir formando “alumnas e alumnos con inquietudes por emprender” e puxeron en valor unhas axudas “coas que axudar á xente nova e preparada a emprender as rendas dos novos negocios”.

10 ideas que ‘Emprenden’ camiño nos tres campus

Das dez axudas Incuvi Emprende concedidas seis están vinculadas ao campus de Vigo, tres ao de Ourense e unha ao de Pontevedra. No caso dos proxectos con selo vigués, atopamos desde unha marca de roupa pensada para os amantes do motor (Biela), impulsada por un estudante do PCEO de Administración de Empresas e Dereito, ata outro proxecto, Vida Senior,  coordinado por Hugo Becerril, do Grao en Comercio, que propón o uso de Intelixencia Artifical xenerativa para o esenvolvemento de dispositivos que faciliten unha mellor comunicación entre as personas maiores e as súas familias. Dende o doutoramento en Tradución e Paratradución, Zahra Sadat propón un albergue cultural situado no Camiño de Santiago; dende o Grao en Administración e Dirección de Empresas, Gonzalo Peralba deseñou un proxecto cultural destinado a personas que escoitan música electrónica. Completan a listaxe de emprendedores vigueses Jhoan Piter Da Costa, do Máster en Dirección Integrada de Proxectos, que tratará de crear unha App de xestión  de proxectos de infraestruturas e edificacións, e Camilo Prado, impulsor de Pasta Gansa, un quiosco de venda de pasta fresca para consumir.

No campus de Ourense as propostas son Improsect,  unha biorrefinería de insectos para a produción de hidrolizado de proteína e quitosán impulsada por Nuno Muñoz e Helena Raquel dos Santos, alumnos do Programa de doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria; Krealt, proxecto de implementación  e dixitalización de tecnoloxias 3D e realidade virtual aplicada á mellora da experiencia do usuario en procesos de compra en liña, ideado por Luca Riego e Paulo Emilio Sánchez, da Escola de Enxeñería Informática; e  Sinatura, de Antía Fraga, do Grao en Ciencias Ambientais, unha proposta dirixida á organización de roteiros ambientais e culturais  personalizados.

A proposta pontevedresa chega da man de Leonardo Valdez e Carlos Eduardo Torres, do Grao en Dirección e Xestión Pública. Neste caso buscarán pór en marcha unha consultaría especializada en protección de datos e Intelixencia Artificial. 

Tres proxectos que ‘Avanzan’ a bo ritmo 

No caso das propostas galardoadas coas axudas Incuvi Avanza, hai un representante por campus. A proposta viguesa, Covintes, chega liderada por unha muller, Yamila González, do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible, e céntrase no deseño de solucións de proxectos que dean resposta á problemática de readaptación dos espazos á transición enerxética. E, desde Ourense, chega Luxsit, obra dun grupo de estudantes de Enxeñaría Aeroespacial, e que propón  a creación de espectáculos de luces con drons como unha alternativa innovadora e respectuosa co medio ambiente aos tradicionais fogos artificiais. Ambas propostas foron xa beneficiarias de cadansúa axuda Incuvi Emprende e, no caso de Luxsit, foi premiada tamén en certames como Inspiro, celebrado en Expoourense, ou en Pont Up Store.

Impulsada por un alumno do campus de Pontevedra e outro de Ourense, Iván Iglesias e Iván Olmos, xurde OU ké!, un medio de comunicación dixital nativo das redes, que buscará “converterse en referencia pola calidade das nosas producións”.

Incuvi Consolida para unha marca de roupa non binaria

“Indomables, inclusivos, inconformistas, independentes…”. Así se definen os impulsores de Iniqual, Alejandro Sierra e Cayetana de Ozámic, gañadores da axuda Incuvi Consolida, cunha proposta empresarial, actualmente presente unicamente no medio en liña, centrada no deseño e comercialización de “loungewear estampado de xénero non binario”, prendas cómodas que se diferencian das da competencia grazas a unha gráfica moi característica. Trátase, tal e como eles mesmos recoñecen, dunha marca pensada por e para a comodidade das persoas que a utilizan, sen que teñan que renunciar ao estilo, e confeccionadas para que as poida usar todo o mundo, independientemente da idade, o xénero ou o tipo de corpo.

A idea xurdiu en 2020, tras o encerro provocado pola pandemia, e hoxe é xa unha realidade. Alejandro, alumno do Programa de doutoramento do Campus Crea, non puido asistir á gala por estar realizando unha estadía de estudos no estranxeiro, polo que nesta ocasión foi Cayetana a que se encargou de recoller o galardón.