DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado do campus de Pontevedra e da Escola Naval mediuse nunha competición de barcos dragón

A UVigo álzase co primeiro Trofeo Ría de Pontevedra

Promovida pola Cátedra Álvarez-Ossorio, a regata insírese na Semana da Creatividade e da Innovación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Reitor
  • Deportes
DUVI Pontevedra 20/04/2023

Vestidas e vestidos de vermello, a cor do Campus Crea, dúas tripulacións integradas por alumnos e alumnas de diferentes facultades e escolas do campus de Pontevedra impuxéronse na tarde deste xoves ao alumnado da Escola Naval Militar na I Regata Cátedra Almirante Álvarez Ossorio –Trofeo Ría de Pontevedra. Con saída e meta no Gremio de Mareantes, tratouse dunha competición de barcos dragón, disputada nas augas interiores da ría e na que os equipos da UVigo impuxéronse tanto na manga protagonizada polas tripulacións femininas, como polas masculinas.

Inserida nas actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que a Universidade promove xunto coa Escola Naval, esta proba deportiva formaba parte así mesmo na programación da Semana da Creatividade e da Innovación e contou coa colaboración da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, da asociación galega de dragon boat e do Gremio de Mareantes, que acolleu o acto de entrega do trofeo. Este incorporaba nesta xornada unha primeira placa, recoñecendo ao gañador desta primeira edición, á que se irán sumando outras nas próximas edicións desta regata. 

Vitoria nas dúas mangas

A regata levouse a cabo con embarcacións cunha cabeza de dragón na súa proa, un dos elementos característicos desta modalidade deportiva orixinaria da China e na que un dos integrantes da tripulación encárgase de marcar o ritmo das pas cun tambor. Concretamente, a proba levouse a cabo con embarcacións de doce tripulantes; dez piragüistas, un temoeiro e a persoa que marca o ritmo, que debían completar un percorrido de dous quilómetros, con saída e meta no Gremio de Mareantes.

Coa colaboración de Miguel Ángel Villanueva e José María Pazos, a UVigo competiu nesta proba con dúas tripulacións integradas por estudantes de diferentes centros, maioritariamente das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Comunicación. A primeira manga en disputarse foi a masculina, na que a UVigo estaba representada por estudantes destas dúas facultades e de centros como a Facultade de Dirección e Xestión Pública e a Escola Universitaria de Enfermaría. Con varios integrantes dos equipos nacionais de piragüismo nas súas filas, a embarcación do campus cobrou axiña vantaxe e rematou impóndose con claridade nunha proba que a embarcación da ENM tivo problemas para completar, despois de que o barco se enchese de auga tras o paso pola última ceavoga, o que impediu, de feito, que os seus tripulantes puidesen levar de volta o barco ao embarcadoiro, debendo completar os últimos metros a nado.

Máis disputada resultou a manga feminina, na que a tripulación do campus, integrada por alumnas de Ciencias da Educación e do Deporte, Comunicación e Fisioterapia, situouse tamén en cabeza desde o inicio da proba. Mais neste caso, as alumnas da ENM lograron reducir a súa desvantaxe na última virada e cruzaron a meta poucos segundos despois que a embarcación do campus.

Unha copa que viaxará de Pontevedra a Marín

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, asistiron xunto ao comandante director da ENM, o capitán de navío Pedro Cardona, a unha proba deportiva que se completou coa entrega do primeiro Trofeo Ría de Pontevedra. Como explicou Reigosa, o obxectivo é que este “faga o camiño entre Pontevedra e Marín varias veces ao longo das nosas vidas”, xa que cada ano permanecerá na sede da institución gañadora. Como “unha competición moi fermosa, que serviu para pór en valor unha cidade na que hai unha Universidade moi potente” definiu o reitor unha regata na que “competimos a Universidade de Vigo contra a Universidade de Vigo”. Non en van, lembrou, na Escola Naval atópase o Centro Universitario da Defensa (CUD), centro adscrito á UVigo, motivo polo que destacou que esta proba permitiu tamén “pór en valor o que facemos na Universidade, tanto na ENM e no CUD como no fermoso campus de Pontevedra, do que esperamos ter pronto boas noticias para o seu desenvolvemento”. O comandante director da Escola Naval, pola súa banda, puxo de relevo que “o realmente importante do que sucedeu aquí non é tanto a competición deportiva, nin o feito de que tiveramos exercitado valores como o traballo en equipo ou o sacrificio”, senón ter contribuído ao achegamento da escola “á sociedade á que nos debemos”. Nese senso, Cardona sinalou ao alumnado do campus “que o realmente importante para nós é que puiderades coñecernos un pouco mais”. 

Semana da Creatividade e da Innovación

Esta regata insírese na programación da Semana da Creatividade e da Innovación, que engloba unha serie de conferencias, obradoiros ou actividades culturais que nestes días teñen lugar nas diferentes facultades e escolas do campus. Entre outras actividades, a programación promovida polo Campus Crea abrangue conferencias como a que o vindeiro martes 25 impartirá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte o fundador do Museo de Ideas e Inventos de Barcelona, Pep Torres, ou o relatorio do responsable da empresa Daveiga, Xosé Lois Lamazares, o mércores 26 na Facultade de Comunicación. Tamén se insiren nesta programación a xornada Emprender en medios sociais, promovida coa colaboración do proxecto HEI4Future, e as Xornadas de Pensamento e Creación, que terán lugar nas tardes do xoves 27 e o venres 28 na Casa das Campás.