DUVI

Diario da Universidade de Vigo

6000 profesionais do ámbito da educación superior danse cita en Barcelona ata o venres

A UVigo amosa a súa oferta de mobilidade de estudantes na 32ª Conferencia da European Association for International Education

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 15/09/2022

Co obxectivo de presentar e darlle publicidade a súa oferta no eido da mobilidade de estudantes, dando continuidade aos acordos vixentes e estudando novas propostas, chegadas en especial de América Latina e Asia, a Universidade de Vigo participa ata o vindeiro venres 16 de setembro na 32ª edición da Conferencia e exposición anual da European Association for International Education (EAIE). “A feira é o escaparate e punto de encontro para abrir novas posibilidades de mobilidade en réxime recíproco: conseguir que o estudantado desas universidades veña á UVigo e incrementar o abano de opción de mobilidade a disposición do estudantado da nosa institución”, explica a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo Triviño, que xunto á directora da Oficina de relacións internacionais, Amelia Rodríguez Piña, asiste á cita internacional que  se celebra en Barcelona e na que toman parte 6000 profesionais do ámbito da educación superior procedentes de todo o mundo. 

Logo de dous anos de pandemia nos que a súa celebración quedou restrinxida ao formato virtual, a Conferencia e exposición anual da EAIE volve converterse neste 2022 no evento que maior número de profesionais do sector da educación superior a nivel internacional reúne. Co lema The future in full colour (O futuro a todo color), a conferencia centrarase un ano máis no intercambio de experiencias, promoción de debate sobre como debe avanzar o sector da educación internacional e como debe desenvolverse fronte aos desafíos dun mundo cada vez máis globalizado. Con este obxectivo, desde o mércores e ata o venres sucederanse as conferencias, obradoiros e sesión de traballo nas que se abordarán cuestións fundamentais na educación superior como o intercambio virtual, as repercusións da guerra de Ucraína ou a avaliación de credenciais dixitais. Especial protagonismo terán na exposición EAIE representantes de varias institucións de educación superior ucraínas, que achegarán información ás persoas asistentes sobre como apoiar ao país durante o conflito bélico.

Poñerlle cara aos socios e abrir novas oportunidades de colaboración 

Tras participar noutras edicións da conferencia, como as celebradas en Dublín, Praga ou Sevilla, a UVigo regresa á feira compartindo posto informativo co resto de universidades españolas e xunto a USC e UDC. “Estamos a recibir moitas visitas de persoas que queren abrir convenios , estudar posibilidades de colaboración, intercambio, etc … Esta é unha boa ocasión para poñerlle cara aos socios que temos e están a pasar polo stand e abrir tamén para novas oportunidades de colaboración”, explica Maribel del Pozo, que ao longo dos días que dura a conferencia participará, xunto á directora da ORI, en numerosas reunións con responsables de internacionalización de universidades e institucións de educación superior de varios continentes.