DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do proxecto europeo SeaGrasRIAwild, liderado dende Portugal e con 3,5m€ de orzamento

A UVigo axudará a rexenerar as pradarías submarinas da ría de Aveiro

Basearanse na maricultura para apoiar as necesidades de plantas e sementes para a súa reintrodución

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 13/11/2023

A UVigo axudará a rexenerar as pradarías submarinas da ría de Aveiro e faro como socio do proxecto europeo LIFE SeaGrasRIAwild, unha iniciativa internacional  que botou a andar hai unhas semanas e que propón un cambio de paradigma na restauración destes ecosistemas mariños, permitindo programas de restauración a grande escala que teñen efectos insignificantes nas praderías naturais xa existentes. O consorcio, liderado pola Universidade de Aveiro e con socios de Alemaña, Portugal, Dinamarca e de España, propón o desenvolvemento da maricultura para apoiar as necesidades das plantas e sementes para a súa reintrodución na vida silvestre, o que se coñece como rewilding

Con sete anos de duración e un orzamento de case 3,5 millóns de euros, o proxecto está liderado polo profesor João Pedro Coehlo, do Cesam–Centre for Environmental and Marine Studies da Universidade de Aveiro, mentres que a representación por parte de España corresponde ao Grupo de Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, liderado por Eva Teira e Emilio Fernández, que contan cun orzamento de 94.497 euros.

O obxectivo fundamental do proxecto é reverter a situación actual de conservación das pradarías de Zostera mariña na ría de Aveiro mediante a aplicación de solucións baseadas na natureza. Como explican os investigadores, “as pradarías mariñas no Atlántico están ameazadas pola acción humana e requiren medidas de restauración. Z. Mariña desapareceu da ría de Aveiro no ano 2012, aínda que recentemente, nos anos 2019 e 2020 apareceron pequenas manchas de aproximadamente 250 m2, o que supón un punto de partida excelente para poñer en marcha medidas de restauración”. O proxecto LIFE SeagrassRiawild propón desenvolver un programa de restauración a grande escala minimizando o impacto sobre as pradarías naturais existentes mediante o mantemento de poboacións de Zostera mariña en recintos acoutados dos que se obteñen as plantas e sementes que serán utilizadas na restauración. Esta restauración extensiva da ría de Aveiro será levada a cabo mediante o desenvolvemento dun programa de ciencia cidadá, estimulando o compromiso da cidadanía.

Obxectivos específicos

Os obxectivos específicos do proxecto pasan por desenvolver unha infraestructura para o cultivo de Z. mariña para servir de fonte de plantas e sementes para as actuacións de restauración a través do reaproveitamento dunha salina desmontada e propiedade da Universidade de Aveiro. O equipo tamén traballará para optimizar os procesos de colleita, maduración, almacenamento, xerminación e selección xenética para apoiar accións de restauración e para desenvolver un programa de resilvestración de fanerógamas mariñas que abrangue o compromiso social a través de iniciativas de ciencias cidadá. Paralelamente monitorizarán e avaliarán a recuperación dos servizos ecosistémicos que abranguen a biodiversidade, o carbono azul e a acreción de sedimentos como resultado da recuperación do hábitat. Ademais, desenvolverase un marco de educación e formación ambiental, que comprenderá visitas pedagóxicas á área de cultivo e cursos de formación para investigadores, técnicos e profesionais da restauración. 

No que atinxe á parte do proxecto que vai desenvolver o equipo da UVigo, Teira e Fernández explican que se centrarán “na caracterización das pradarías donantes, especificamente mediante o estudo da diversidade do microbioma asociado a fanerógama Zostera marina mediante secuenciación dirixida dos xenes ARNr 16S e ARNr 18S. do ADN tanto nas pradarías doantes como no sistema de cultivo. Colaboraremos tamén no proceso de transplante das plantas e no deseño dos programas de educación ambiental e ciencia cidadá”. 

Metodoloxía de traballo

A metodoloxía para a restauración consistirá na posta a punto da infraestrutura para o cultivo. Unha vez preparada a salina, procederase ao transplante das plantas dende as praderías donantes da ría de Vigo, en concreto na zona de San Simón, da lagoa de Óbidos ou do estuario de Sado. “As pradarías donantes serán caracterizadas con detalle, incluíndo datos de cobertura, biomasa, fisioloxía das plantas, así como diversidade das poboación e dos microbiomas asociados. Posteriormente procederase ao seguimento da colonización na salina, esperando un incremento na densidade de plantas de 1000 veces tras dous anos. En caso de éxito na colonización, procederase á colleita de plantas e sementes co fin de repoboar as pradarías da ría de Aveiro”.

Institucións implicadas

O consorcio está formado pola Universidade de Aveiro como institución coordinadora, xunto coas universidades de Vigo e Coimbra; o Helmholtz-Zentrum fur Ozeanforschung Kiel, de Alemaña; Heades Portugal, Lda; Ocean Alive cooperativa de educação criativa marinha, CRL; e o CIIMAR - Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental. Ademais tamén participan como entidades asociadas a Syddansk Universitet, o ICNF - Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas, a Comunidade Intermunicipal da Região de Aveiro e a Agência Portuguesa do Ambiente / Administração da Região Hidrográfica do Centro.