DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu o tradicional concerto da institución académica

A UVigo dá a benvida ao Nadal lembrando o carácter universal da música

Da man da Orquestra Clásica de Vigo e o pianista Severino Manuel Ortiz

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 14/12/2023

O Pazo da Cultura de Pontevedra foi na noite deste mércores o escenario do tradicional Concerto de Nadal da Universidade de Vigo, que cada ano desenvolve de xeito rotatorio nas cidades nas que se asentan os seus tres campus, co obxectivo de facilitar a participación tanto da comunidade universitaria como da cidadanía de Pontevedra, Vigo e Ourense. Organizado coa colaboración do Concello, tratábase dun recital con entrada de balde, previa recollida duns convites destinados en primeiro termo á comunidade universitaria e posteriormente ao conxunto da cidadanía, que permitiron a centos de persoas gozar da actuación da Orquesta Clásica de Vigo, dirixida por Manuel Martínez Álvarez-Nava, á que se sumou como solista o pianista pontevedrés Severino Manuel Ortiz.

O reitor, Manuel Reigosa; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e numerosos membros da comunidade universitaria asistiron no Pazo da Cultura a un recital organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria. A súa responsable, Susana Reboreda, foi encargada de presentar unha actuación coa que a institución académica escolle “o camiño da música coa finalidade de conmemorar o final do ano 2023 e dar a benvida ao 2024”. Na súa intervención, a vicerreitora lembrou que “desde a máis remota antigüidade, a humanidade empregou tempo e recursos na música”, por tratarse dun “medio de expresión que transcendía o uso das palabras, non só pola universalidade, senón tamén pola versatilidade de transmitir emocións, sentimentos e respecto”. De aí que, tras lembrar a importancia da música na antiga Grecia, Reboreda subliñase que “a través desta celebración, reivindicamos a nosa herdanza dos tempos antigos”.

Unha formación con preto de catro décadas de historia

Esta conmemoración a través da música correu a cargo da Orquesta Clásica de Vigo, unha formación nacida en 1984, o que a converte na máis antiga de Galicia, e dirixida desde os seus inicios por Manuel Martínez Álvarez-Nava, catedrático de violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Caracterizada pola aposta pola formación e pola innovación nos formatos, por esta formación pasaron ao longo destas preto de catro décadas máis de 300 músicos, que en moitos casos son hoxe “artistas de primeiro nivel”, destacan. Coa participación como solista de Severino Manuel Ortiz, a orquestra interpretou un programa conformado polo Concerto para piano e orquestra en re menor núm. 20 KV466, de Wolfgang Amadeus Mozart; a Marcha fúnebre dunha marioneta, de Charles Gounod; a Jota de los barquilleros «Agua, azucarillos y aguardiente», de Federico Chueca; e Pizzicato-Polka op. 234 e Schatz-Walzer, opN. 418, de Johann Strauss.

Este recital enmárcase no convenio asinado entre a Universidade e a Orquesta Clásica de Vigo, que xa protagonizou o ano pasado en Vigo este Concerto de Nadal, que en 2024 desenvolverase no campus de Ourense.